O kamikace do Touareg chega a xuízo por un regueiro de delitos e enfróntase a 14 anos de cárcere
Por Natalia Puga
O 11 de outubro de 2013 o pontevedrés Felipe S.D, reincidente con múltiples condenas e penas de prisión ás súas costas, sementou o pánico polo centro de Pontevedra ao fuxir da Policía a bordo dun Volkswagen Touareg previamente roubado en Vigo e, na súa fuga, danar outros 17 coches, ademais de importantes danos no turismo no que el ía, que acabou deixando abandonado na rúa Arcebispo Malvar para fuxir a pé.
Era detido ao día seguinte nunha zona boscosa de Poio e dende entón está en situación de prisión provisional. Este xoves volverá aos xulgados da Parda para ser xulgado polas súas accións daqueles días, que inclúen un delito de danos, dous roubos con intimidación, un furto, un roubo con violencia, un intento de roubo con violencia e unha falta de lesións e polas que o fiscal lle pide 14 anos e nove meses de prisión.
Os feitos polos que este xoves 29 de xaneiro sentará no banco dos acusados do Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra déranse a coñecer xa naqueles días da súa detención, pero ás portas do xuízo saíu á luz toda a acusación do fiscal, con novos roubos e accións atribuídas a Felipe S.D. e a dous cómplices, un individuo co que actuou durante o primeiro día do seu regueiro de delitos e unha muller coa que estivo o propio día da persecución.
Xesús O.A.,con antecedentes por delitos da mesma natureza, enfróntase a 20 anos e 9 meses de prisión por un furto, un roubo con violencia, un roubo con intimidación e unha falta de lesións mentres o fiscal pide para Diana Isabel D.V. dous anos e seis meses por un delito de roubo con intimidación.
Os feitos teñen a súa orixe sobre as 13.30 horas do 9 de outubro, dous días antes, cando Felipe S.D. e Xesús O.A. presuntamente furtaron un furgón rotulado coa inscrición 'Funeraria Rías Baixas' estacionado ao lado do Templo Novo de Marín coas chaves no contacto aproveitando que os empregados da funeraria entraran na igrexa para proceder ao traslado do féretro.
A bordo deste vehículo presuntamente cometeron o seguinte delito. Sobre as 17.00 horas dese día aparcaron ao lado dun estanco de Lalín, entraron e quixeron cambiarlle as flores da funeraria á dona por gasolina. Como ela negouse, pedíronlle diñeiro e un suxeitouna polos brazos mentres o outro collía da caixa 70 euros e oito cartóns de tabaco valorados en 347 euros.
De alí o seu percorrido levoulles a Cuntis, onde, sobre as 20.30 horas, se achegaron a un veciño en Meira e pedíronlle a carteira. Ante a súa negativa, golpeárono, propináronlle un puñazo e tirárono ao chan. Felipe S.D. púxolle un desaparafusador á altura do pescozo, pero a vítima conseguiu liberarse, así que se foron do lugar sen botín.
Os feitos de outubro de 2013 xúlganse esta semana no Xulgado do Penal 2 de Pontevedra
A avenida de Samil de Vigo foi a seguinte parada. Detivéronse en marcha e Felipe S.D. baixou do furgón e ameazou o condutor do coche que circulaba diante, un Volkswagen Touareg, apuntándoo cunha pistola. O condutor non levaba diñeiro para entregarlles, así que o obrigaron a sacarse os pantalóns e baixar do vehículo. Nese momento, roubáronllo.
O furgón quedou abandonado a poucos metros e eles dirixíronse a Pontevedra a bordo do Touareg. Nesta cidade Felipe cambia de cómplice, pois Xesús O.A. xa non volve acompañalo nas súas accións. Despois dun día de descanso, na noite do 10 ao 11 de outubro dirixiuse ao poboado do Vao e contactou cunha moza de orixe portuguesa, Diana Isabel D.V.. Sobre as 7.00 horas do día 11 empezou o seu regueiro de infraccións dirixíndose ambos os dous á área de descanso da autoestrada AP-9 situada antes da peaxe de San Simón.
Unha vez alí, Felipe estacionou o vehículo e dirixiuse a outro automóbil alí estacionado, no que se encontraba un home a quen propuxo manter unha relación sexual, aceptando este. Cando Felipe lle estaba a practicar unha felación, aproveitou para collerlle do peto do pantalón que se baixara un teléfono móbil e as chaves do coche. A continuación, pediulle que lle entregase diñeiro pero o seu acompañante indicoulle que el non pagaba por practicar sexo e volveuse ao seu coche. Era tarde porque xa lle roubara o móbil e as chaves e Felipe lle indicou que, para recuperalos, lle tiña que dar 50 euros.
Os danos causados nos 17 coches e o Touareg durante a súa fuxida ascenden a 19.000 euros
O acompañante non tiña diñeiro, pero si accedeu a sacalos nun caixeiro para darllo. Diana Isabel subiu no seu coche e dirixíronse a un caixeiro da rúa Eduardo Pondal de Pontevedra con Felipe seguíndoos no Touareg.
Ese mesmo día, xa sobre as 11.00 horas, a Policía, que lle seguía a pista, viulles chegar á rúa Almirante Matos de San Roque e montouse un dispositivo de vixilancia. Cando Felipe e Diana se volveron subir ao coche, os policías déronlle o alto, de modo que Felipe deu marcha atrás a gran velocidade ata o punto de colisionar cun vehículo estacionado.
Nese momento, Diana baixou do coche, pero Felipe acelerou bruscamente desoíndo as ordes de alto da policía e saíu do lugar colisionar varias veces con todos os vehículos que se encontraban estacionados nas inmediacións causando danos en 17 deles ata conseguir burlar o cerco policial. Finalmente abandonou o Touareg na rúa Arcebispo Malvar fuxindo a pé, sendo localizado na zona da Merced ao día seguinte. Os danos causados nos 17 coches e o Touareg ascenden a 19.000 euros.
Relacionadas:
-
Condenan a cinco anos de prisión ao kamikaze do Touareg
Por Oskar Viéitez |
-
O kamikace do Touareg enfróntase aos fotógrafos e ten que ser reducido pola policía nos xulgados da Parda
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Ingresa en prisión o perigoso delincuente que fuxíu da Policía polas rúas de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Declara ante o xuíz o perigoso delincuente que fuxiu nun coche roubado e a pé por Pontevedra
Por Anxo Lourido & Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Buscan un perigoso delincuente que fuxiu por toda a cidade nun coche roubado e a pé
Por Natalia Puga | Creada e actualizada