Manifestación da CIG contra a represión sindical e as reformas de Gallardón
Por Oskar Viéitez
A pesar do mal tempo un milleiro de persoas participaron na marcha convocada pola CIG que saiu ás 11.30 da mañá da Praza da Ferrería rematando na Subdelegación do Goberno para denunciar "a represión sindical coa que se busca criminalizar a resposta ás políticas do PP", a reforma do Código Penal que prepara o Goberno de Mariano Rajoy, "que pretende tipificar como delitos accións que antes non tiñan esa consideración" e a lei de taxas xudiciais que "dificulta o acceso ao dereito fundamental á tutela xudicial efectiva".
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, explicou que aínda que o fallo da Audiencia Provincial de Pontevedra foi favorable para os compañeiros que foran condenados a tres anos de cadea en primeira instancia, no xulgado do Penal número 1, se mantivo a convocatoria porque a CIG entende que "cómpre seguir denunciando publicamente a campaña urdida desde o poder para impedir que se dea contestación sindical nos diferentes conflitos ou que, cando se dea, esta sexa o menos efectiva posíbel".
Seixo considera que por iso se recorre á vía da represión e lembra que, de feito, nos últimos tempos, nos conflitos laborais estanse repetindo "as sancións de carácter gobernativo ou a apertura de xuízos e de solicitudes de penas de cadea por participar neles".
"Hai una campaña en marcha para debilitar o máis posíble toda contestación social"
Nesa liña insire tamén, o secretario xeral da CIG, a reforma do Código Penal que está a promover o Partido Popular. Unha reforma que, alerta, "vai intentar incidir máis no que ten que ver con desordes públicos, incrementando as penas e tipificando como delitos accións que até o de agora non eran consideradas como tal".
Denuncia que hai una campaña en marcha para debilitar o máis posíble toda contestación social ás políticas económicas e laborais do goberno.
"Entendemos que isto require que se lle dea resposta a nivel social e que hai que seguir chamando a atención sobre o que hai detrás deste tipo de reformas e de medidas ou de actuacións tanto dos fiscais como dos xuíces. O PP está aproveitando a xuíces e fiscais que lle son máis próximos ideolóxicamente para que cumpran esa función represora", afirma.
Finalmente a CIG tamén quere denunciar, con esta mobilización, a imposición dunhas taxas xudiciais que "derivarán nunha xustiza elitista e clasista que vai rematar co dereito constitucional fundamental á tutela xudicial efectiva".
"Vaise dificultar o acceso á xustiza por parte de moitos traballadores e traballadoras que aínda que teñan dereito a recorrer e posibilidades para gañar o recurso, non o van poder facer porque económicamente non están en condicións de pagar as taxas que lle impón o goberno".