Sanxenxo será o único representante galego no comité interdestinos de Turespaña
Por Redacción
Sanxenxo acaba de entrar a formar parte do Comité Interdestinos do Sicted. Por primeira vez na historia, o municipio foi elixido para integrar este organismo de Turespaña, dándose a circunstancia ademais que "actualmente Sanxenxo é o único representante galego, tanto nas vogalías de destinos turísticos como de Comunidades Autónomas e Deputacións Provinciais", explicou a alcaldesa, Catalina González, que mostrou a súa satisfacción ao recibir a comunicación remitida pola Secretaría de Estado de Turismo.
"Este destino turístico está facendo unha grande aposta en calidade, no que imos da man o sector público e o privado, sendo o municipio de Galicia con maior número de distintivos Sicted e Q de Calidade", recordou a rexedora, á vez que engadiu que "entendemos este nomeamento como un recoñecemento a este esforzo e tamén á importancia que a marca Sanxenxo ostenta no panorama turístico nacional".
O Comité Interdestinos de Turespaña é o órgano de participación da Secretaría de Estado de Turismo destinado ao intercambio de información, actuacións e evolución da implantación do Sicted a nivel nacional, á armonización das actuacións levadas a cabo por cada un dos destinos e á supervisión da correcta implantación do modelo do sistema de calidade turística en destinos. Son un total de 183 destinos de toda España os que están traballando no Sicted, ademais de 5.000 empresas do territorio nacional.
Esta comisión está conformada por representantes do Instituto de Turismo de España (Turespaña), a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), os destinos participantes, comunidades autónomas, entidades locais e de organismos como o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).
A coordinadora de Turismo de Sanxenxo, Romina Fernández Pena, foi escollida vogal deste órgano nacional para os anos 2015 e 2016, en calidade de xestora do destino Sanxenxo, dentro do grupo C - destinos que contan con máis de 45 empresas ou servizos distinguidos coa certificación de calidade-. O resto de vocalías definitivas designadas xunto a este municipio polas súas características similares son Xixón, Málaga e Rioxa Alavesa.
A reunión constitutiva do Comité Interdestinos 2015-2016 terá lugar o vindeiro mércores en Madrid, coincidindo coa celebración de Fitur.
Relacionadas:
-
Sanxenxo quere crear un premio para recoñecer a aposta dos empresarios pola calidade turística
Por Redacción |
-
A 'app' de Turismo de Sanxenxo terá premio en Fitur
Por Redacción |
-
A oficina de turismo de Sanxenxo opta a ser a primeira de carácter municipal coa 'Q de calidade'
Por Redacción |
-
Outras seis empresas de Sanxenxo optan ao selo Sicted "polo traballo ben feito"
Por Redacción |
-
Sanxenxo consolida a súa marca como destino de calidade sumando nesta edición 92 selos Sicted
Por Redacción |