Enfróntase a sete anos de prisión por intentar matar á primeira muller do seu marido para quedar toda a pensión
Por Natalia Puga
A Audiencia de Pontevedra xulgará durante dous días da próxima semana a unha muller acusada de intentar matar á primeira muller do seu marido para poder quedarse con toda a pensión de viuvidade. Quen foi marido de ambas morrera pouco antes e no momento dos feitos as dúas estaban compartindo a pensión, tal e como está legalmente establecido.
Ambas mulleres estiveron casadas co mesmo home, militar de profesión. A primeira esposa foi a presunta vítima e a segunda, a acusada. Á súa morte, tiñan que repartirse a pensión, pero a presunta agresora levouse a parte máis reducida porque se casou con el pouco tempo antes de morrer, de modo que porcentualmente correspondíalle máis diñeiro á primeira muller. Esta circunstancia perfílase como o móbil do intento de homicidio.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o xuízo celebrarase o martes 27 e o xoves 29 na Sección Cuarta da Audiencia. A acusada, María Sara D.J., está acusada dun delito de homicidio en grao de tentativa polo que a Fiscalía pide que sexa condenada a sete anos de prisión.
Os feitos polos que será xulgada ocorreron hai case dous anos, o 1 de febreiro de 2013, nun piso da rúa Oitaven do barrio da Caeira, en Poio. A presunta vítima, Lucila Esther R.D., que no momento dos feitos tiña 71 anos, estaba na súa propia vivenda cando a suposta agresora presentouse en torno ás 13.00 horas.
Segundo saíu á luz no seu momento, a veciña de Poio tivo que ser operada de urxencia tras ser supostamente acoitelada pola agora acusada, que tiña 55 anos. Tras causarlle un corte no pescozo polo que perdeu abundante sangue e estivo en estado moi grave, fuxiu do lugar, pero esa mesma tarde foi detida pola Garda Civil no seu domicilio de Silleda.
Relacionadas:
-
Confirman a condena para a viúva que intentou degolar á ex muller do seu marido
Por Oskar Viéitez |
-
O fiscal da degolación da Caeira: "Sara sabía que si fallecía doña Lucila se acabarían sus problemas económicos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Se abalanzó sobre mí y me degolló. Fue Sara sin ningún género de duda"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Unha septuaxenaria, ferida grave tras ser acoitelada na súa propia vivenda na Caeira
Por Natalia Puga |