Melloras na casa principal da finca Briz, a biblioteca municipal, o museo e a Casa Consistorial
Por Redacción
O Concello de Marín estivo realizando, ao longo dos últimos días, unha serie de melloras e labores de mantemento en diferentes dependencias municipais. Os operarios estiveron traballando, entre outros, na finca de Briz, a biblioteca municipal, o Museo Manuel Torres ou no salón de plenos da propia Casa Consistorial.
Na finca Briz, os traballos centráronse na casa principal. Foi obxecto dunhas melloras substanciais en todos os pisos de madeira, un tratamento importante cun vernizado que fai que o aspecto que presenta sexa moito mellor.
O departamento de servizos sociais, así como o CIM e os técnicos de emprego, tiveron que desaloxar os seus despachos durante un par de semanas para poder aplicar os tratamentos contra a carcoma e a polilla, así como para o tratamento da madeira de cada unha das plantas.
Tanto na biblioteca como no museo leváronse a cabo, pola súa banda, labores de pintado nas súas zonas máis danadas debido á intensa actividade cultural e social que se realiza en ambos espazos.
Ademais, na biblioteca procedeuse ao cambio da mesa de conferencias coa instalación de megáfonos e dun atril; mentres que no museo cambiouse tamén o sistema de megafonía que, ultimamente, estaba a dar moitos problemas.
O cambio de megafonía tamén se produciu no salón de plenos da Casa Consistorial. Os fallos constantes e a imposibilidade de arranxos polo tipo de cableado existente fixeron necesario que se procedese á súa renovación completa. Estase a proceder ao seu cambio e ao longo destes días finalizarase a súa execución.