Pontevedra presumirá de gastronomía en Madrid con motivo da feira Fitur
Por Alejandro Espiño
Pontevedra 'venderase' como destino turístico en Fitur coa gastronomía como un dos seus principais atractivos. Oito cociñeiros, encabezados por Xosé Cannas -máis coñecido como Pepe Vieira-, participarán na presentación que Turismo de Pontevedra preparou para o próximo xoves 29 de xaneiro nun céntrico hotel madrileño, o ME Madrid Reina Victoria, situado na emblemática praza de Santa Ana.
Ao acto, que será similar ao que se realizou hai uns meses en Barcelona da man da Axencia Galega de Turismo, están invitados axencias de viaxes, touroperadores, blogueros nacionais e internacionais, revistas especializadas en turismo e gastronomía, empresas de primeiro nivel e xente relacionada co mundo do cine. Será na terraza do hotel, "porque buscábamos un sitio que fuera diferente", segundo a concelleira de Turismo, Carlota Román.
A todos eles se lles presentará tamén Pontevedra como cidade de congresos e como estudio de rodaxe para producións audiovisuais, dúas das liñas estratéxicas sobre as que traballa o departamento municipal de Turismo.
A gastronomía pontevedresa estará representada, ademais de por Xosé Cannas que coordinará o evento, polos cociñeiros dos locais gañadores da última edición do certame PontedeTapas, tanto os elixidos polo público como polo xurado profesional. Trátase de Cáncamo Marisco, El Cafetín, Loaria, Casa Verdún, Taberna Zentola, Café Central e PTV -os dous últimos, na categoría de cócteles-.
Na presentación, que comezará ás 20.30 horas, proxectaranse o video promocional Pontevedra é un amor e o realizado con motivo de PontedeTapas. Este último, segundo Carlota Román, "muestra todo el potencial de la gastronomía de la ciudad". Tras un breve discurso da concelleira e a visión xeral da cociña pontevedresa que dará Xosé Cannas, todos os gañadores do concurso recrearán as súas tapas, que posteriormente se servirán aos convidados.
"La vamos a liar parda", avanzou entre risas o cociñeiro pontevedrés, galardoado cunha Estrela Michelín. "Vamos a enseñar la esencia de la gastronomía de Pontevedra, que es la mejor del mundo. Es una gastronomía fácil de entender y es una de las grandes bazas que tiene la ciudad". O obxectivo é que todos os asistentes a esta presentación "se vayan con una buena idea de lo que pueden encontrar en la ciudad".
Relacionadas:
-
Pontevedra tamén 'namora' a Fitur co seu aclamado potencial gastronómico
Por Redacción |
-
Pontevedra estréase en Fitur tratando de atraer máis cruceiristas á cidade
Por Redacción |
-
Turismo Rías Baixas negociará en Fitur co Imserso para captar máis visitantes en tempada baixa
Por Oskar Viéitez |
-
As Rías Baixas venderán en Fitur o seu "sabor a festa"
Por Oskar Viéitez |
-
Cáncamo Mariscos, El Cafetín e Café Central, gañadores da final de PontedeTapas 2014
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |