Evacúan un matrimonio da súa casa en Mourente ao incendiarse a caldeira
Por Diego Torrado
Un matrimonio de avanzada idade que reside na zona de Valdecorvos na parroquia de Mourente foi evacuado a primeiras horas desta mañá do seu domicilio ao orixinarse un incendio nunha caldeira situado nos baixos da vivenda unifamiliar.
O incendio rexistrábase pasadas as 7:30 da mañá deste venres 23. O Servizo de Emerxencias do 112 alertou os Bombeiros de Pontevedra que acudiron ata o lugar ao igual que a Policía Local para sufocar o lume.
Segundo o 112, os servizos sanitarios de urxencia tiveron que trasladar a un centro hospitalario da cidade as dúas persoas, unha delas pola inhalación do fume que se produciu na vivenda ao incendiarse a caldeira de gasóleo, e a súa parella foi trasladada ao resultar ferida despois de sufrir unha caída.
O mesmo dono da vivenda, situada na Rúa do Costado chamou ás 7:47 horas para pedir axuda e asegurou que tiñan a vivenda chea de fume e que a súa dona sufría problemas de mobilidade para saír da casa. Os efectivos de extinción do parque municipal confirmaron que ardeu a cheminea e parte dun armario.