Un condenado por violar a súa asistenta confesa que tamén secuestrou, atou e violou oito veces a súa muller
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Un día do mes de outubro de 2012, Bruno Mouriño Pena retivo á forza a súa muller nun cuarto do piso no que vivían en Vigo, enroloulle todo o corpo con fita de embalar e violouna ata en oito ocasións. Cando esta situación xa se prolongaba durante 24 horas, ela preguntoulle se pensaba soltala, ao que el respondeu: "non, voute afogar na bañeira, o teu bolso tireino ao lixo, cando esteas morta voute cortar en anacos, voute meter no conxelador e voute ir tirando pouco a pouco no colector". Pouco despois, liberouna, prolongándose o sufrimento durante 25 horas.
Os feitos figuraban no escrito de acusación que o fiscal Marco Montero González mantiña contra o procesado, pero xa poden considerarse como probados toda vez que este xoves o propio Bruno Mouriño Pena recoñeceu todos e cada un deles ante o tribunal da Sección Cuarta de la Audiencia Provincial de Pontevedra que o xulgaba.
O procesado recoñeceu os feitos e tamén que durante os nove anos que durou a súa relación coa súa esposa e nai dos seus dous fillos a maltratou de forma habitual. Por todo este comportamento prolongado no tempo asumiu unha pena de trece anos e medio de prisión polos delitos de maltrato habitual, maltrato físico, ameazas leves e detención ilegal en concurso ideal cun delito continuado de violación.
Unha das circunstancias aínda máis escabrosas das que saíu a relucir no xuízo celebrado este xoves é que o procesado non era novo neste tipo de accións, senón que xa foi condenado pola Sección Quinta da Audiencia -con sede en Vigo, a 14 anos de prisión polos delitos de detención ilegal e agresión sexual a unha muller á que contratara para limpar o piso.
Estes feitos pasaron despois dos que tiveron como vítima á súa esposa, pero foron xulgados antes. Ao igual que aconteceu este xoves en Pontevedra, no seu día tamén recoñeceu que o segundo día de traballo da asistenta a golpeou, a ameazou, a amordazou e a violou varias veces, chegando a asumir que "a contratei porque quería agredila sexualmente".
Unha vez que saia de prisión non poderá aproximarse a 500 metros da vítima nin comunicarse con ela durante 19 anos e medio
Nuria Llarena Pérez, a avogada pontevedresa que defende a esposa e vítima, explicou que se sumaron ao acordo que xa chegara o acusado co fiscal porque "no tenía sentido que ella volviese a revivir todo" e el xa ten a condena previa de 14 anos. Matizou, ademais, que un punto no que non cederon foi conseguir unha orde de afastamento. Así, unha vez que saia de prisión non poderá aproximarse a 500 metros da vítima nin comunicarse con ela durante 19 anos e medio.
O día do secuestro obrigouna a permanecer nun cuarto da casa mostrándolle unha coitela e dicíndolle: "como fagas algún movemento mátote". Enroloulle todo o corpo cunha fita de embalar, deitouna na cama e foise para encargarlle a veciña que se encargara dos nenos porque a súa esposa estaba enferma. A partir de aí empezaron as 25 horas de sufrimento, nas que lle dixo frases como "agora que non queres falar, vas darme o sexo que me debes" para pasar a violala ata en oito ocasións.
A consecuencia dos feitos, a vítima sufriu trastorno por estrés postraumático, sendo precisa para a súa sanidade, tratamento médico especializado consistente en tratamento farmacolóxico. Polos días de curación que tardou en recuperarse e os danos morais infrinxidos, deberá indemnizala con 20.000 euros.