Pontevedra celebrará o Día Mundial do Community Manager
Por Oskar Viéitez
Catro profesionais que converteron a xestión de redes sociais no seu campo fundamental de traballo protagonizarán os relatorios que se sucederán ao longo da mañá do vindeiro luns no que a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación conmemorará por primeira vez o Día Mundial do Community Manager. Unha iniciativa coa que se pretende amosar ao alumnado que esta é unha profesión con moito futuro.
Segundo o profesor Xabier Rolán, pese a que a do community manager é unha profesión con moito de autodidacta, tamén é preciso que o alumnado poida rematar a súa etapa formativa cunha base que, obviamente, acaba sendo unha vantaxe competitiva para eles.
Co obxectivo de achegar ao alumnado a este campo en crecemento, a facultade reunirá neste Social Media Day a catro profesionais que afondarán no mundo das redes sociais desde diferentes perspectivas, nuns relatorios abertos a todas as persoas interesadas, que se verán sucedidos por un coloquio.
Coa idea de afondar nos diferentes ámbitos de traballo destes profesionais, o papel das redes sociais na difusión de medios como os blogs centrarán o relatorio Iago Varela, coordinador do blog Mallando no Android, mentres que os vínculos entre estes novos medios e o deseño serán o eixo da intervención da deseñadora gráfica Cristina Fernández.
Por outra banda, o xestor de comunidades virtuais ÿscar Reboiras abordará as claves da atención ao cliente en redes sociais, mentres que Verónica Ramallal abordará nesta xornada as ideas de marca persoal e identidade dixital, xa que, como explica Rolán, aínda que ter unha conta en Facebook non te converte nun xestor de redes sociais, todos temos que ser en primeiro lugar community managers de nós mesmos.