A Cámara de Comercio, en horas baixas: denuncias, irregularidades contables e agora... despedimentos?
Por Oskar Viéitez
O pleno da Cámara de Comercio ten sobre a mesa unha proposta do comité executivo para "reestruturar o persoal da entidade". Na reunión do próximo luns decidirase se hai despedimentos entre os once empregados que conforman o persoal.
"O comité executivo fai unha proposta ao pleno sobre a reestructuración de custos do persoal, non vou adiantar máis información ata que se presente no pleno a proposta que queremos facer ao órgano de goberno da Cámara", dixo hoxe o presidente da Cámara, Antonio Gomez Rivera, baixo unha intensa choiva durante a presentación de Ferpalia.
Non é este o único problema que ten esta institución. Esta mesma semana acudiu un inspector de traballo á sede cameral nos xardíns de Vicenti.
Á xa coñecida investigación xudicial aberta contra a secretaria cameral súmase unha denuncia por acoso laboral formulada por un dos traballadores contra a dirección da entidade e outras irregularidades contables relacionadas coa celebración de diversas feiras.
No pleno do luns abordarase tamén a prórroga dos orzamentos camerais para o 2013 que este ano roldou o millón e medio de euros. Na orde do día do pleno figura ademais unha comunicación do presidente da Cámara, Antonio Gómez Rivera. Entre os traballadores da entidade se especula coa posibilidade de que presente a súa dimisión e convoque eleccións.
Á situación anteriormente descrita, estas mesmas fontes, engaden que durante a presidencia de Gómez Rivera a Cámara de Comercio deixou de ser un axente social de referencia e perdeuse a interlocución ante algunhas administracións como a Deputación de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Eduardo Barros, novo presidente en funcións da Cámara: "No vengo aquí a calentar un sillón, vengo a trabajar"
Por Anxo Lourido |
-
Cambian as cerraduras da Cámara de Comercio tras despedir a catro empregados
Por Alejandro Espiño |
-
Dimite o presidente da Cámara tras aprobar catro despedimentos e rebaixar o soldo ao resto do persoal
Por Oskar Viéitez |
-
Charo Lorenzo declarou coma imputada ante a xuíza
Por Oskar Viéitez |