Xesta conclúe con éxito a primeira parte do seu plan de alugueres contra a despoboación
Por Redacción
A Asociación de Veciños de San Bartolomé de Xesta deu por concluído con éxito o primeiro tramo para a adxudicación, a un prezo unitario de 100 euros mensuais, das vivendas baleiras do chamado "banco de casas" posto en marcha na parroquia.
O presidente da asociación de veciños promotora desta iniciativa, Enrique Vaqueiro, explicou que elaboraron unha base de datos con todas as solicitudes presentadas. A partir de agora chamaráselles para facer as visitas e explicar cales son as reformas que hai que facer nas vivendas e pactar cales serán a cargo do propietario ou a cargo do inquilino.
"Lamento moito non poder recibir máis solicitudes, pero estamos xa saturados", comentou Vaqueiro que pediu "paciencia" a todas as persoas que se puxeron en contacto a través do correo electrónico, Facebook ou por chamadas telefónicas. "Que teñan paciencia, que se lles chamará", afirmou.
Á hora de seleccionar os interesados os veciños están a primar aos veciños novos, a aqueles que desexen pasar todo o ano en Xesta e aos que teñan algunha referencia na parroquia (un amigo, coñecido ou familiar).
O primeiro contrato asinarase este domingo. Trátase dun socio da sociedade de caza que leva moitos anos vinculado a Xesta, "é moi participativo nos asuntos da parroquia e por iso conta con prioridade", segundo Vaqueiro. Tamén se consumou unha compra a pasada fin de semana, que xa tiña un antecedente, "pero que ante a iniciativa presentada por nós a semana pasada, os novos propietarios se animaron", explicou.
As outras cinco casas terán que ser acondicionadas, unha tarefa na que a asociación de veciños se compromete a axudar no que poida (limpeza, roza, reparacións de agua, etc.) "Algunha das casas están peor do que pensabamos, pero pódese arranxar", explicou Vaqueiro quen xa se puxo contacto cos representantes de Unión Fenosa e Eléctrica de Moscoso para que ambas as dúas empresas faciliten as altas das casas que teñen a luz cortada.
Os veciños agradeceron a paciencia e atención das empregadas municipais que atenderon moitas chamadas. "Moita xente chamou ao Concello, e sei que pode resultar incómodo para as funcionarias que están en recepción atender chamadas sobre asuntos alleos ao Concello, pero responderon correctamente a todas as solicitudes", dixo Enrique Vaqueiro.