Cores Tourís repite como Delegado ofrecendo colaboración a todos
Por Oskar Viéitez
José Manuel Cores Tourís acaba de tomar posesión, de novo, como delegado territorial da Xunta en Pontevedra "igual que da outra vez para min é unha satisfacción que o Presidente queira seguir contando conmigo como delegado territorial".
Coma sempre fai Núñez Feijóo, estas cousas as deixa para última hora, polo que Cores Touris non soubo que repetiría no cargo ata pouco antes de se fixera oficial a noticia na reunión semanal do Consello da Xunta.
De feito a chamada pillouno liado co seu traballo de deputado, "esta semana estivemos nas comisións, na constitución do parlamento, e aínda fixemos unha reunión de grupo alí no parlamento preparando a sesión da vindeira semana".
Lóxicamente desde o momento da toma de posesión coma delegado territorial, ao ser un alto cargo é unha das circunstancias que supón incompatibilidade polo que automáticamente abandona a acta coma parlamentario. Deste xeito, será novo deputado o seguinte na lista electoral, Alejandro Gómez Alonso.
Por certo que a delegada territorial de Vigo, María José Bravo Bosch, continúa no seu posto, do que non foi cesada ao non concurrir nas listas electorais do pasado 21 de outubre.
Convencido de que no anterior mandato na súa delegación "as cousas funcionaron bastante ben segundo me dixeron os alcaldes" para esta nova etapa Cores Tourís espera "seguir traballando con alcaldes, vendo as necesidades dos concellos e dos distintos colectivos, e tratando de priorizar as inversións xuntos nestes momentos tan complicados".
A fórmula será esa "seguir nesta línea de colaboración entre todos para resolver os problemas que vaian xurdindo que imaxino que non serán menos que na etapa anterior", desvela o delegado territorial.
Cores Tourís volverá ao seu despacho no noveno andar do edificio administrativo da Xunta en Campolongo en medio da campaña de protestas que teñen en marcha os seus funcionarios.
"Protesta solidarias, recollida de alimentos, roupa, calzado eu xa dixen antes, durante e despois da campaña electoral que desde logo síntome moi a gusto traballando con todos os funcionarios que están aquí que case son mil, e que en xeral nestes momentos difíciles axudaron, colaboraron e eu espero deles esa misma colaboración que tiven nos catro anos anteriores", concluiu José Manuel Cores, de novo delegado territorial da Xunta en Pontevedra.