Críticas a Sanidade polo colapso de Urxencias en Montecelo ante o repunte da gripe
Por Redacción
O servizo de Urxencias no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra viuse desbordado nos últimos días ante a gran cantidade de pacientes que acudiron a Montecelo. A gran maioría de todos eles están afectados por problemas respiratorios causados pola vaga da gripe que este ano, debido ao inverno frío e seco que estamos a vivir, se adiantou varias semanas ao que adoitaba ser habitual.
Dende Sanidade aseguran que este repunte é habitual nestes meses e recoñecen que Montecelo, ao igual que o resto de hospitais galegos, rexistra unha grande afluencia de pacientes e unha maior porcentaxe de ingresos. O virus da gripe, sinalou Alberto Núñez Feijóo, está moi activo dende hai catro semanas e, a diferenza de anos anteriores, está a ter maior incidencia nas persoas con máis idade ocasionando máis "complexidades respiratorias".
Pero o certo é que, segundo denuncia o sindicato CIG Saúde, Montecelo está "colapsado" polo gran número de persoas que acode ao complexo hospitalario pontevedrés, algúns dos cales chegaron a esperar preto de seis horas para ser atendidos. Esta circunstancia débese, insisten, á "falta de previsión" das autoridades sanitarias galegas e, en concreto, dos responsables da área pontevedresa.
"Do mesmo xeito que falan de xestionar os recursos pechando camas e recortando en persoal, deberían prever o aumento de usuarios nos servizos de Urxencias como consecuencia de procesos víricos estacionais", asegura o sindicato nacionalista nun comunicado.
Entenden que esta situación estacional é "previsible" e, polo tanto, Sanidade debería ter actuado dotando de máis recursos humanos e materiais os servizos de urxencia do complexo pontevedrés.