Na Universidade tamén "Queremos Apple en Galego!"
Por Redacción
O Campus de Pontevedra recolle a campaña Queremos Apple Galego! co obxectivo de conseguir que Apple inclúa o galego nas súas opcións de idioma.
A iniciativa naceu a principios de decembro na propria Universidade de Vigo da man do profesor da ETSE de Telecomunicación e coordinador de TelGalicia, Manuel Caeiro, e o alumno de Enxeñaría Industrial e responsable nacional dos Comités, Brais Fortes.
"Eu persoalmente quero Apple en galego porque quero poder desenvolverme co meu ordenador ou coa miña tableta no meu idioma e porque quero que nas aulas nas que se empregan estes dispositivos o alumnado poida traballar e aprender na nosa lingua ", subliña Fortes, que fai fincapé en se uniu á iniciativa "desde o mesmo día en que saíu á luz".
Segundo destacan os impulsores, polo momento conseguiuse xa que a compañía incluíse o galego como idioma adicional na última actualización do seu programa OS X Yosemite e iOS 8, respectivamente, "o que posibilita facer aplicacións en galego nesta plataforma", explica Caeiro, quen lembra que o galego ten unha presenza moi activa nas redes sociais e no 2009 foi a 20ª lingua de uso en Twitter, moi por enriba do seu peso poboacional. "ÿ moi importante que as novas xeracións vexan que o galego se emprega en todos os ámbitos da vida, tamén nas novas tecnoloxías", recalcou o docente.
A existencia de predecesores que conseguiron o seu obxectivo á hora de traducir dispositivos ou aplicacións lévaos a estar convencidos de que no caso da famosa compañía da mazá isto tamén é viable.
Recordan, por exemplo,a campaña Mallando no Android, impulsada por outro ex-alumno da Universidade, Iago Varela, que esixía a Google que incorporase a lingua galega a Android, o que finalmente se conseguiu co Android 5.0 hai apenas uns meses; ou #EuEnGalego que a mediados de decembro se facía un oco nos Trending Topics estatais.