Desaloxan o local de H&M por culpa dun neno
Por Mónica Patxot
Todos os clientes e empregados que se encontraban arredor das 14.00 horas deste luns 5 de xaneiro no establecemento de H&M situado na rúa Benito Corbal de Pontevedra tiveron que abandonar o inmoble no momento en que se puxo en funcionamento a alarma anti-incendios.
Non obstante, non había rastro de lapas nin de fume. Segundo testemuñas presenciais, un neno que se encontraba xogando na tenda da cadea sueca de roupa interesouse polo dispositivo de alarma para estes casos.
O rapaz non tivo inconveniente en pulsar o botón e saltaron as alarmas no interior da tenda na que, neses momentos, se achaban numerosos clientes realizando as últimas compras antes da festividade de Reis. Ademais, o simpático suceso tamén coincidía co inicio das rebaixas nese local comercial.
Iniciouse o protocolo de actuación de emerxencia nestes casos e o establecemento quedou desaloxado en poucos minutos a través da intervención dos responsables de seguridade sorprendendo os peóns que se atopaban en Benito Corbal naquel momento. Unha vez aclaradas as causas do incidente, clientes e empregados volveron á tenda cun sorriso e a actividade continuou con normalidade.