Queridos nenos, fostes bos?
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
"Queridos nenos, fostes bos? ", preguntaba o rei Melchor dende o balcón do Pazo de Mugartegui a unha multitude de pequenos que acudía á recepción real. Un a un os máis baixiños de cada casa foron respondendo a esta pregunta ante as súas Maxestades.
Os Magos de Oriente confirmaron a PontevedraViva que os nenos se portaron "ben", polo que este luns recibirán un merecido agasallo. "Non pode ser todo o que escribiron nas cartas, pero van quedar moi contentos", apuntou Gaspar.
Os Reis Magos cabalgaron este luns ata a cidade do Lérez cargados de bonecos, balóns, tabletas e xogos de mesa.
"Non pode ser todo o que escribiron nas cartas, pero van quedar moi contentos", apuntou Gaspar
"Este ano hai un xoguete que sobresae por enriba do resto é a boneca Elsa, da película Frozen", explica o Rei Baltasar, "é o fenómeno deste Nadal, non ten rival". Ademais dos personaxes da oscarizada película, os camelos e dromedarios da comitiva real traen tamén outros artigos deste éxito da factoría Disney como micrófonos, bolsos de beleza, xoieiros e ata disfraces.
Pero non todos os xoguetes chegan do reino do xeo, tamén hai oco para Peppa Pig e os clicks de Playmobil, as construcións de Lego, a mascota electrónica Furby, xoguetes de Violetta, as tartarugas Ninja, o karaoke de La Voz ou Pasapalabra Junior.
O Rey Melchor puntualiza que a partir dos trece anos se impón a tecnoloxía, polo que coa adolescencia as cartas se enchen de PlayStations, Wiis, tabletas, libros electrónicos, ordenadores portátiles e teléfonos móbiles.
COLAS PARA VER OS REIS
A longa fila de pais e nenos superaba a praza da Pedreira para poder acceder ao Pazo de Mugartegui para ver os Reis Magos sentados nos seus tronos. Centos de familias acudiron á 'recepción oficial' amenizada por contos, malabaristas, magos, acróbatas, pallasos e outros personaxes.