Trasladan a Montecelo unha muller que tivo que ser reducida por catro policías e sanitarios
Por Natalia Puga
Unha ambulancia do 061 trasladou ao hospital Montecelo de Pontevedra a unha muller de mediana idade que na mañá deste xoves xerou un amplo despregamento policial para lograr ser reducida e recibir atención sanitaria.
O incidente produciuse arredor das 9.30 horas da mañá na avenida de Bos Aires e motivou o despregamento de dúas patrullas da Policía Local, unha da Policía Nacional e unha ambulancia.
Ata catro policías de ambos os dous Corpos e un efectivo sanitario tiveron que intervir para reducila dado o seu elevado estado de nerviosismo e a oposición que opoñía a recibir asistencia. Mentres intentaban suxeitala, ela non cesaba de berrar "Dejadme, dejadme".
Ao parecer, a muller podería encontrarse baixo os efectos da inxestión de alcohol ou algunha outra substancia e cando os axentes e sanitarios intetaban reducila quixo mordelos e liberarse deles a patadas, chegando tamén a intentar autolesionarse. Mentres era trasladada ao hospital un sanitario tivo que sugetarla porque a súa actitude violenta foi en aumento.
A intervención xerou grande expectación no ámbito da avenida de Bos Aires e derivou en varias alertas de particulares aos servizos policiais e de emerxencias.
De feito, un particular que viaxaba en autobús e pasou por diante do lugar do incidente púxose en contacto coa Comisaría Provincial da Policía Nacional para alertar da presenza dunha muller tirada nun portal. O mesmo alertante sinalou que instantes despois a muller foi introducida nun coñecido local do ámbito.
A Policía Nacional desprazouse ao lugar, pero xa se fixera cargo da actuación a Policía Local, que descarta calquera pelexa ou incidente violento como desencadeante da intervención.