O 60% da cocaína sacada do mercado polos ECO da Garda Civil en 2012 interviuse dende Pontevedra
Por Natalia Puga
A delincuencia organizada actúa por toda España, pero con singularidades en función do territorio. Para estudar estas características diferenciadoras e responder de forma máis eficiente alí onde se produce cada modalidade delituosa a Garda Civil creou en 2005 os Equipos Contra o Crime Organizado da Garda Civil (ECO). Un dos puntos nos que se implantou esta unidade especializada é Pontevedra (con ámbito de actuación en toda Galicia) e, a xuízo dos balances realizados polos responsables, está a dar bos resultados, en especial, na loita contra o narcotráfico. Nos últimos once meses interveu a totalidade da heroína incautada polos equipos de toda España e o 60% da cocaína.
Estes días 12 e 13 de novembro responsable dos oito equipos distribuídos por toda España celebran na Comandancia pontevedresa unha das súas xornadas periódicas de traballo para analizar novas tipoloxías delituosas do crime organizado asentado en España, os seus modus operandi e a evolución criminal no noso país. Con motivo da actividade, o xefe de operacións dos ECO, o comandante Miguel Ángel Villanueva valorou que "el equipo de Galicia está realizando un papel importante".
Esta afirmación apóiaa con datos. Entre o 1 de xaneiro e o 1 de decembro de 2012 os ECO interviñeron en toda España 9,2 toneladas de haxix. Delas, dúas toneladas, o 21% correspóndese con operacións lideradas polo equipo con sede en Pontevedra.
As porcentaxes de liderado galegas son maiores se se fala de heroína (o 100% dos 40 quilos incautados foron en Pontevedra) ou cocaína (os axentes galegos interviñeron 300 dos 500 quilos totais, o 60%).
Os ECO tamén interviñeron en toda España este ano 14.893 dose de drogas de deseño, 40 armas de fogo e 137 vehículos e embarcacións a 356 persoas de 40 organizacións criminais imputadas por diversos delitos. Dende Pontevedra desarticuláronse oito bandas, delas as seis dedicadas ao narcotráfico e dous a delitos contra o patrimonio, tanto de roubos con forza coma con violencia, e comisáronse o 40% do total de vehículos intervidos.
O comandante Villanueva indicou que cada zona de España ten unha delincuencia organizada proliferante. No caso de Andalucía, predomina o narcotráfico de haxix; en Levante, este delito e os delitos contra o patrominio; e en Galicia, "una gran afectación es del narcotrafico, con cocaína y algo de heroína".
Villanueva tamén revelou o liderado de cidadáns de países do Leste nestas organizacións criminais, se ben están mesmo especializados por país e delitos. Mentres os cidadáns de orixe romanesa se dedican ao narcotráfico e os roubos con forza, os de orixe albanesa céntranse nos roubos con violencia e os búlgaros ao tráfico ilícito de vehículos, roubos de vehículos de luxo e tráfico de cocaína.
O traballo realizado polos 140 axentes integrados nos oito equipos ECO de España permite ao comandante Villanueva indicar que a delincuencia organizada non mudou a súa forma de actuar recentemente, senón que "el modus operandi es el mismo que llevamos viendo en los últimos años", e que tampouco ten rexistrade "una evolución muy grande" deste tipo de criminalidade, a crise non influíu no aumento deste tipo de actividade delituosa.