Fernando de Rosa, vicepresidente do CGPJ: "En España hay un exceso de judicialización"
Por Anxo Lourido
Xuristas, psicólogos e traballadores sociais de distintos países iberoamericanos encóntranse estes días reunidos no Pazo da Cultura para debater sobre as posibilidades que ofrecen as fórmulas da xustiza terapéutica, un método cuxo pai é David Wexler, director da International Network on Therapeutic Jurisprudence, encargado de abrir o Congreso que se celebra en Pontevedra.
Para David Wexler a fórmula céntrase en que a lei ofreza o seu lado máis humano. Isto significa flexibilizar as penas impostas polos xuíces, mellorar o proceso xudicial e o comportamento de avogados e maxistrados. Wexler recoñece que é un camiño longo porque supón un cambio de perspectiva pero afirma que en diferentes estados norteamericanos, en Nova Zelandia ou en Suecia xa se están a aplicar fórmulas da xustiza terapéutica con éxito. Mesmo en Ourense e en Vigo desenvólvense iniciativas deste tipo.
Neste mesmo sentido pronúnciase Fernando de Rosa Torner, vicepresidente do CGPJ, que afirma que España se encontra xudicializada en exceso. Ofrece unha cifra aclaratoria: nun ano preséntanse máis de 9 millóns e medio de casos ante os tribunais de xustiza españois. Por iso, entende que hai que comezar a alixeirar a situación a través da xustiza terapéutica e buscar métodos de mediación e arbitraxe. Nas crise, afirma, estes sistemas no terreo laboral resultan moito máis eficaces e poden garantir a viabilidade das empresas. Asegura que "en momentos de crise, se unha empresa pode resolver un concurso de acredores a través dun sistema de arbitraxe en lugar de acudir aos tribunais pode alcanzar a súa salvación" sen estar abocada á súa desaparición, unha posibilidade que resulta máis difícil se pasa ás mans dun xuíz.
O Congreso finalizará o venres pola tarde cun coloquio tras unha conferencia sobre A conformidade no proceso penal español.