Dous detidos en Marcón polo roubo con forza de combustible en máquinas escavadoras
Por Redacción
Dous homes de 32 e 26 anos de idade, veciños de Pontevedra, un deles con antecedentes policiais, foron detidos pola Policía Nacional como presuntos autores dun roubo con forza de gasóleo en máquinas escavadoras.
Segundo informan fontes oficiais da Comisaría Provincial de Pontevedra, os feitos sucederon na madrugada do día 21 de decembro ás 02.05 horas cando se recibiu unha chamada alertando da presenza de dous individuos que ao parecer estarían a subtraer combustible do depósito das máquinas escavadoras aparcadas nun terreo rural.
Os individuos abandonaran o lugar a toda velocidade tras introducir nun vehículo varias garrafas co combustible e foron interceptados polos axentes á altura do hipódromo de Marcón.
Os axentes identificaron os ocupantes do coche e ao efectuar a inspección ocular do vehículo detectaron no interior un forte olor a gasóleo, descubrindo no interior do coche tres garrafas e dúas mangueiras e no maleteiro nove garrafas máis de 25 litros.
Un dos ocupantes declarou espontaneamente aos axentes ter subtraído o combustible do interior do depósito de tres máquinas escavadoras tras forzar o tapón do combustible cun desaparafusador.
Unha vez identificados, os axentes procederon á súa detención por un delito de roubo con forza e ao seu traslado a dependencias policiais para ser oídos en declaración por estes feitos.