Alerta pola desaparición das algas pardas na ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Anduxía, a plataforma para a rexeneración e recuperación do litoral de Bueu, alertou da desaparición de bosques de algas pardas na costa de Bueu e na illa de Ons.
A diminución das extensións de argazos, tamén chamados "carrumeiros" e "golfeiros", e outras laminariales preocupa á asociación, que pediu á Consellería do Medio Rural e do Mar que investigue sobre o sucedido e que tome medidas preventivas, como a paralización dos plans de explotación baseados na extracción destas algas.
Membros deste colectivo fixeron inmersións nas zonas de Pescadoira, Petís, Praia de Beluso, A Roiba-Pedra Branca, Pedrón e Ancoradouro, onde apenas se encontraron exemplares destas algas.
A asociación ecoloxista advirte dos efectos negativos que esta circunstancia terá sobre os recursos pesqueiros, xa que este tipo de algas crea uns hábitats mariños moi produtivos que son importantes para a vida de numerosas especies mariñas de crustáceos, como nécoras ou centolas, e tamén para diferentes tipos de peixes.
Esta drástica diminución poboacional dos bosques de algas pardas remóntase polo menos cinco anos atrás, destacan dende Anduxía.
Entre as posibles razóns desta desaparición encóntrase o aumento da temperatura da auga, xa que estes bosques mariños son típicos de augas frías, por debaixo de 20 graos centígrados.