O concello de Sanxenxo aspira a conseguir 15 bandeiras azuis para a campaña estival de 2015
Por Redacción
A Concellaría de Medio Ambiente remitiu esta semana á Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) a candidatura local á campaña Bandeira Azul 2015. Nesta edición, o Concello de Sanxenxo aspira a conseguir 15 ecodistintivos dos que 13 corresponden a praias, outro para o Porto Deportivo Juan Carlos I de Sanxenxo e un máis para o Centro de Interpretación As Telleiras, situado en Vilalonga.
Areas, Silgar, Baltar, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas, Pragueira, Major, Foxos, Areas Gordas, A Lapa e O Espiñeiro son os areais nos que o Executivo local espera que ondeen o próximo verán os galardóns ambientais outorgados por ADEAC, xa que cumpren cos requisitos imperativos marcados por esta asociación tal e como especificou a Concellaría de Medio Ambiente na solicitude.
"Nesta ocasión non presentamos a de Caneliñas xa que queremos solucionar dunha vez por todas as verteduras puntuais que detectamos en verán", puntualizou o concelleiro de Medio Ambiente. Ademais, José Luis Rodríguez explicou que no caso de Paxariñas "estamos pendentes da confirmación por parte de Costas do Estado da realización das obras de suxeición do noiro antes do verán, xa que de no ser así teríamos que renunciar a esa bandeira".
"Nesta ocasión non presentamos a de Caneliñas xa que queremos solucionar dunha vez por todas as verteduras puntuais que detectamos en verán"
A información enviada céntrase nas características que presenta cada praia e os servizos dos que dispón como son os módulos de salvamento, socorrismo e primeiros auxilios, aseos con limpeza diaria, balizamento das zonas de baño, paneis informativos, accesos doados e seguros -sete areais con accesos adaptados para discapacitados-, espazos dunares con paneis de sensibilización, limpeza das praias e dos seus ámbitos, dotación de papeleiras e recollida selectiva de residuos, entre outros.
"Sanxenxo destaca por ser un dos municipios de Galicia cunha puntuación máis elevada nos informes que se elaboran ao finalizar cada temporada, tendo en conta que as augas de todos os areais presentados como candidatos a Bandeira Azul na edición 2015 gozan da máxima calidade, cualificada de excelente", incidiu o edil.
Á súa vez, Rodríguez destacou a preocupación constante do Goberno local "polo coidado da nosa costa, que é un tesouro que debemos preservar e que fai que ano tras ano Sanxenxo sexa o municipio de España con maior número de Bandeiras Azuis".
Tras enviar todos os datos requiridos, agora haberá que agardar ata finais de maio ou principios de xuño para que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), comunique a decisión do xurado nacional Bandeira Azul.
Relacionadas:
-
O paseo litoral entre Sanxenxo e Portonovo quere converterse en 'Sendeiro Azul'
Por Redacción |
-
Desprendementos no ámbito da ermida da Lanzada
Por Redacción |
-
Sanxenxo arría a bandeira azul de Paxariñas polos desprendementos na ladeira
Por Redacción |
-
Sanxenxo segue a ser o municipio con mais bandeiras azuis, con 14 praias
Por Redacción |
-
Sanxenxo é o municipio galego con máis praias accesibles
Por Redacción |