A Concellería de Urbanismo acondiciona 3.000 metros cadrados de aparcamento para os veciños
Por Redacción
A Concellería de Urbanismo, que dirixe Antón Louro, acometeu durante este mes de decembro o acondicionamento en superficie de catro espazos urbanos destinados a reforzar o parque de aparcamentos da cidade de Pontevedra. As obras contan cun orzamento xenérico de 60.000 euros.
As actuacións están focalizadas na rúa do Forno (calella sen saída en Campolongo, que enlaza coa avenida do Alcalde Hevia), a praza interior da avenida de Grecia (Monte Porreiro), a praza das Corvaceiras (fronte ao porto das Corvaceiras) e o cruzamento entre as rúas de Casimiro Gómez e Loureiro Crespo (antigo cuartel da Garda Civil).
As catro actuacións supoñen actuar sobre unha superficie duns 3.000 metros cadrados, que pasarán a contar cunha superficie totalmente acondicionada, con capacidade para acoller máis dun centenar de vehículos. Ademais teñen en común que todas responden a peticións veciñais e dos empresarios asentados nos distintos espazos.
No caso da rúa do Forno, os veciños laiáronse de que esta zona estaba sen urbanizar, convertida nunha lameira e chea de fochancas. A pesar diso funciona como aparcamento habitual para os veciños da zona. A rúa, prevista no Plan Xeral como unha conexión coa avenida de Vigo, sofría un importante abandono que queda agora solucionado.
Os operarios tamén procederon a mellorar o asfalto e pintar os espazos de aparcamento na avenida de Grecia (subida principal á rúa Alemaña). Trátase dunha praza a carón dos últimos edificios que veñen de construírse no barrio, e que precisaba dunha mellora e unha ordenación dos ocos de estacionamento. Quedan así acondicionados outros 900 metros cadrados.
No que atinxe á praza das Corbaceiras, destaca Louro, falamos doutra gran bolsa de aparcamento que dá servizo non só aos veciños desta zona do barrio da Moureira (onde moitos edificios carecen de garaxe), senón tamén aos establecementos comerciais da zona. A mellora cubriu 1.200 metros cadrados.
Finalmente, o departamento que dirixe Antón Louro decidiu completar as obras que se están realizando no barrio de San Antoniño cun asfaltado integral do cruzamento entre Casimiro Gómez e a avenida de Loureiro Crespo, moi deteriorado polas recentes obras de instalación de tubos e cunha sinalización horizontal confusa. A obra incluirá o pintado dunha rotonda (sen obra, para facilitar o xiro de vehículos pesados) e consolidará o dobre carril de acceso cara o centro urbano, ata o entronque coa rúa de Antón Fraguas.