Pasos firmes para a posta en valor do Val de Tomeza e Salcedo
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou os traballos de posta en valor do espazo etnográfico e arqueolóxico do Val de Tomeza e Salcedo. Este proxecto comezou en xuño de 2013, cando se deron a coñecer as actuacións que se levarían a cabo neste espazo que acolle un importante conxunto de bens cun elevado valor ecolóxico, etnográfico, histórico e arqueolóxico.
A recuperación dos muíños do Batán, no lugar do Birrete, foi a primeira actuación que se levou a cabo. En agosto de 2013, o Concello acometeu os traballos de roce da contorna do río, onde se atopan os catro muíños e habilitou una senda en paralelo ao río con accesos de madeira aos edificios para facilitar a accesibilidade, dado que o terreo é moi irregular e ten moita pendente.
Para completar esta fase, a Asociación de Veciños Heroes do Campo da Porta e a Comunidade de Montes de Salcedo conseguiron que os propietarios do muíño do Batán e o da Cancela se puxesen de acordo para recuperar ambos edificios e poñer a funcionar o primeiro.
Despois de sacar á luz o recinto castrexo que se atopaba sepultado por herbas, arbustos e árbores, o pasado mes de agosto comezou a escavación arqueolóxica no Castro das Croas, que se desenvolveu durante tres semanas e que permitiu afondar nos traballos que comezara o arqueólogo Antonio de la Peña no ano 1993. Na actuación de 2014 retiráronse as testemuñas da muralla e descubriuse toda a planta da cabana, que ten preto de sete metros de diámetro. Durante a escavación apareceron restos de cerámica e muíños de man nas dúas áreas de traballo.
ORZAMENTO
O proxecto conta cun orzamento de 166.743 euros, financiado en parte con fondos europeos Leader, e desenvolveuse en catro fases. A primeira foi a actuación na contorna dos muíños (58.368 euros), a segunda a escavación no Castro das Croas (28.140 euros); a terceira a creación de recursos divulgativos como unha web, un mapa guía e audioguías (36.844 euros) e a cuarta fase consiste una colocación de paneis informativos e balizas de orientación no ámbito do espazo etnográfico e arqueolóxico (43.390 euros).
Relacionadas:
-
Expertos en patrimonio escollen Pontevedra para celebrar o seu tradicional congreso estatal
Por Alejandro Espiño |
-
Avanzan na recuperación do ámbito dos muíños do Outeiro, Batán, Cabanas e o río Gafos
Por Redacción |
-
Localizan un posible petróglifo no muro de peche dunha casa da Armada, en Salcedo
Por Redacción | Creada e actualizada
-
35.000 euros para sinalizar e balizar todo o patrimonio etnográfico de Salcedo
Por Alejandro Espiño |
-
Continúan as actividades para difundir o Castro das Croas
Por Redacción |