O Concello ratifica dous contratos con bancos para aforrar máis de 600.000 euros en intereses
Por Redacción
O Concello de Pontevedra ratificou este venres que aforrará 617.950,51 euros de aquí ao ano 2022 en intereses bancarios. Será posible grazas aos contratos asinados coas entidades Caixabank e BBVA para adaptar o tipo de intereses negociados no ano 2012 con estes bancos para a amortización de diferentes créditos.
O aforro é froito da renegociación realizada con Caixabank, BBVA e Abanca. O Concello decidiu destinar 1.052.000 euros a saldar o crédito que estaba pendente de pagamento con Abanca e volver asinar novos contratos con Caixabank e BBVA polo importe total que sumaban os tres créditos iniciais.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, subscribiu os contratos con responsables de ambas as dúas entidades en Pontevedra e explicou que supoñerá "un aforro importante anual" que o Concello "vai reverter en interese do Concello e a calidade de vida dos cidadáns". Defendeu, ademais, a xestión do Goberno local como unha Administración "seria e rigorosa".
Os dous novos créditos manteranse cun tipo de xuro moito máis alcanzable para os intereses municipais. O asinado con Caixabank, dun millón de euros, tiña un interese do 4,48% máis o Euribor trimestral; mentres que o do BBVA, que alcanzaba os 2.450.000 euros, era cun interese do 4,09% máis o mesmo Euribor trimestral. Agora, estas porcentaxes reducíronse en ambos os dous casos ata o 1,90%.
Iso supón que, no primeiro dos casos, os intereses a pagar se reducisen en 198.263,50 euros; mentres que o crédito do BBVA viu minguado a cifra de intereses en 419.687,01 euros, segundo anunciara o concelleiro de Facenda, Raimundo González.