Inician os traballos para habilitar 70 novas prazas de estacionamento para motos na cidade
Por Redacción
Con pintura de cor verde para distinguila do asfalto e do resto de aparcamentos. Así están a ser sinalizadas as 70 prazas de estacionamento para motocicletas e ciclomotores que decidiu crear o Concello de Pontevedra. Ademais do cor diferente, todos estes espazos están debidamente indicados con sinais horizontais que teñen un pictograma dunha moto.
O concelleiro Luís Bará comprobou este xoves algúns dos puntos nos que se están a habilitar estes espazos. Ata o de agora había certo desorde no uso do espazo público a este respecto, polo que neste proxecto o Concello habilitará doce novas zonas de estacionamento na cidade que se sumarán ás catro xa existentes.
Os criterios que se seguen para a instalación destes espazos son que estean situadas no perímetro da área peonil e nas zonas de máis actividade económica e comercial ou que sirvan para complementar os equipamentos públicos como colexios, recintos deportivos, dependencias administrativas ou hospitais.
Na actualidade hai zonas de estacionamento habilitadas para motos nas Palmeiras, Andrés Muruais, Cobián Roffignac e na Casa do Mar.
A intención do goberno local é completar estes espazos con outros doce ámbitos: Alameda (xunto ao Cafetín), rúa do Rouco, Frei Xoán de Navarrete, Avenida de Vigo (enfronte do Frei Martín Sarmiento), Padre Gaite (fronte o Estadio da Xuventude), Cruz Vermella, Joaquín Costa con Blanco Porto, Loureiro Crespo (ao carón das urxencias hospitalarias), Tomás y Valiente (ao principio da rúa), Augusto González Besada (fronte ao Hotel Comercio), Cobián Rofignac (entre o Bingo e o Froiz) e o Paseo Colón (próxima á rotonda de San Roque).
Relacionadas:
-
Obxectivo da Policía Local: acabar cos coches e motos que aparcan enriba das beirarrúas
Por Alejandro Espiño |
-
Crearán unha gran praza pública e peonil en Loureiro Crespo, diante do Hospital Provincial
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra contará con doce novas zonas de aparcadoiro exclusivo para motocicletas e ciclomotores
Por Alejandro Espiño |