Investigan catro denuncias pola 'estafa do parente'
Por Redacción
A 'estafa do parente' chegou a Pontevedra e Marín. Un individuo que se fai pasar por un parente afastado pide diñeiro prestado a persoas maiores aproveitándose de que moitos cidadáns galegos teñen familiares na emigración e o engano resulta doado.
Na Comisaría da Policía Nacional teñen constancia de catro denuncias en Marín e Pontevedra, na que un individuo se fixo pasar por un parente afastado chegado dende Brasil e abordou na rúa catro persoas maiores diferentes. En todos os casos, o presunto estafador respondía ás mesmas características e actuou de modo similar tratando de enganar as vítimas.
En tres dos casos o suposto parente afastado non logrou o seu obxectivo, pero nun deles chegou a acceder ao interior da vivenda e subtraer as xoias da propietaria. Aconteceu o 10 de decembro e a vítima foi unha muller de case 80 anos que invitou o individuo a subir ao seu domicilio porque o seu marido ten parentes en Brasil.
Segundo consta na denuncia, unha vez que entraron na casa da muller, o suposto estafador pediulle prestados 200 euros argumentando que só tiña diñeiro en dólares. Non llos prestou porque non tiña diñeiro na casa, de modo que o individuo lle pediu que o acompañase a unha xoiaría porque quería comprarlle un cordón de ouro á súa muller. A denunciante ensinoulle as súas xoias entre elas un cordón de ouro e, aproveitando un descoido, rouboulle o xoieiro.
A continuación, o home pediulle que o acompañase ao banco para cambiar os dólares. Unha vez no portal, a muller decatouse de que se esquecera a libreta bancaria, de modo que volveu subir á casa. Cando baixou ao portal, o individuo desaparecera e ela, estrañada, chamou a un fillo e contoulle o que acontecera. O seu fillo indicoulle que comprobase se aínda tiña as xoias, co que comprobou que lle faltaba o xoieiro ao completo.
Ante estes casos xa denunciados, dende a Comisaría aconsellan a todos os cidadáns, en especial ás persoas maiores, que extremen as precaucións ante casos similares e indican que se están a investigar estafas destas características tamén en Santiago de Compostela.