Luns de lotaría e de Pleno
Por Alejandro Espiño
Ao mesmo tempo que medio país estará pendente do tradicional sorteo de Nadal da Lotería Nacional, a corporación municipal de Pontevedra reunirase para celebrar o último Pleno do ano. O Teatro Principal acollerá este luns 22 de decembro, a partir das 11.30 horas, unha sesión plenaria case de trámite onde apenas se espera debate entre os tres partidos políticos.
Segundo adiantou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o presuposto municipal terá que esperar a xaneiro. Entregarase á oposición en próximos días, unha vez se ultimen as contas do Pazo da Cultura, o Instituto Municipal de Deportes ou a empresa municipal de Turismo e conclúase a tramitación da documentación por parte do servizo de Intervención.
Así, no Pleno de decembro consensuarase unha declaración institucional de apoio á etiquetaxe do mexillón galego, aprobarase inicialmente a ordenanza para a inspección técnica de edificios e tratarase a cesión á Deputación do vial que une Santa Margarida, Montecelo e a estrada a Ponte Caldelas, para que a institución provincial poida avanzar nas obras do primeiro tramo de Rolda Leste.
Ademais, darase conta das recentes sentenzas xudiciais que privan os concelleiros do PP e María Biempica de ingresar o diñeiro que deixaron de cobrar durante o tempo que se lles retirou o dereito aos seus soldos municipais; e debaterase unha moción do Partido Popular para instar a Fomento para que se acelere a tramitación e posterior construción do tramo A Ermida-Vilaboa da A-57.