Amplían a campaña da gripe ata final de mes para "protexer ás persoas que aínda non o puideron facer"
Por Redacción
A Consellería de Sanidade ven de ampliar a campaña de vacinación antigripal e antipneumocócica para ofrecer así a posibilidade de vacinarse a aquelas persoas que aínda non o puideron facer por diferentes razóns. A campaña remataba o vindeiro día 14 e agora amplíase ata final de mes.
Sanidade lembra a importancia que ten a vacinación, pois é o mellor mecanismo para protexerse fronte á enfermidade e evitar complicacións asociadas á mesma. Neste sentido, calquera persoa vacinada dentro do período que abrangue a campaña gozará da máxima protección antes da chegada do virus a Galicia, que segundo indica a vixilancia epidemiolóxica chegará ao seu pico nos meses de xaneiro e febreiro.
Ata a actualidade vacináronse contra a gripe algo máis de 400.000 persoas, e están citadas para facelo outras 12.000 máis. O pasado ano, por estas datas, se vacinaran 540.000 persoas, acadándose o 56% da poboación diana entre os maiores de 65 anos. Ao actual ritmo de vacinación podería baixar a cobertura nun 6%, o que significa que se vacinarían unhas 70.000 persoas menos que o pasado ano.
En consecuencia, o obxectivo da Consellería de Sanidade é acadar o 65% de cobertura e, a tal efecto, esta campaña está destinada a todas as persoas de 60 ou máis anos e ás pertencentes aos grupos de risco, que son os cidadáns con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias; aquelas con procesos crónicos que estean institucionalizadas e as que teñan enfermidades metabólicas crónicas ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes de seis meses e ata 18 anos con tratamentos prolongados de aspirina; as que teñan obesidade mórbida, así como as mulleres embarazadas durante a temporada de gripe.
Na poboación diana inclúense os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outros persoas de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios e sociais, e as que desenvolven labores esenciais para a comunidade, como é o caso de policías ou bombeiros; así como os viaxeiros internacionais e aqueles que pola súa ocupación poden estar en contacto coas aves.
Sanidade sinala que os interesados en vacinarse deben pedir cita polos mecanismos habituais ou poñerse en contacto co seu centro de vacinación, onde lle informarán de como e onde solicitar a cita.