Detido por intentar acoitelar ao marido da condutora que golpeou o seu coche cando aparcaba
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional e da Policía Local de Pontevedra procederon á identificación e detención dun home de 72 anos de idade, veciño de Pontevedra, con antecedentes policiais, como presunto autor dunha tentativa de homicidio, delito de lesións e danos.
Segundo fontes oficiais da Comisaría de Pontevedra, os feitos sucederon este martes día 16 de decembro sobre as 22.45 horas da noite cando axentes da Policía Local e Nacional foron alertados polas súas respectivas Salas de Operacións pola presenza dun individuo na rúa Casimiro Gómez que ao parecer agredira a outro cun coitelo.
Ao lugar desprazáronse inmediatamente as patrullas de ambos os dous corpos que á súa chegada observaron unha muller sangrando por unha man, reclamando a súa presenza no interior dun portal onde o seu marido estaba a ser agredido por un individuo.
Ao acceder ao inmoble os axentes comprobaron como un home estaba a tratar de agredir outro cun coitelo xamoneiro que esgrimía nunha man e coa outra apertáballe o pescozo. Ademais o cristal dunha das portas de acceso ao inmoble, ao parecer fora fracturado dunha patada por este individuo.
Os axentes conseguiron reducir ao agresor tras unha forte resistencia por parte deste e arrebatarlle o coitelo da man. No transcurso do forcexo, chegou mesmo a lesionarse un dos axentes. O coitelo, tipo xamoneiro, tiña 22,5 centímetros de folla.
Os axentes procederon á súa detención por unha tentativa de homicidio, lesións e danos e ao seu posterior traslado a dependencias policiais.
Ao parecer e segundo relatou a muller aos axentes todo comezou cando chegou co seu vehículo e ao tratar de estacionar na rúa golpeou o vehículo do agora detido que saíu dun local próximo e comezou a berrarlle e a golpear a xanela do vehículo.
Alertado polos berros o seu marido asomouse á ventá e ao ver que a súa muller estaba a ser ameazada baixou e no portal xa se encontrou co detido que o ameazou co coitelo tratando de cravarllo.
No forcexo a muller. que trataba de evitar que o seu marido fora ferido, sufriu varios cortes nunha man dos que tivo que ser atendida nun centro hospitalario e polos que recibiu varios puntos de sutura.
Unha vez en dependencias policiais e tras ser oído en declaración por estes feitos o agresor foi posto a disposición da Autoridade Xudicial.