Un vixiante coas mans queimadas vai andando para avisar aos Bombeiros da explosión nunha planta de gas
Por Oskar Viéitez
O vixiante dunha planta Gas Natural en Castiñeiras, situada en Bueu, resultou ferido tras producirse unha forte explosión nas instalacións.
Segundo informaron os bombeiros do parque do Morrazo, sobre as 23:50 horas a dotación de garda "escoita unha potente explosión, xa se imaxinan o que supostamente sucedeu e miran cara á planta de gas natural e observan unha nube de gas que se inflamara".
Cando saían tres vehículos do parque un traballador afectado pola explosión entraba nas instalacións do parque do Morrazo e "a súa preocupación era avisar os bombeiros pero debido ás queimaduras non foi capaz de usar o teléfono e compareceu nas instalacións nun estado moi grave polo que foi solicitada unha ambulancia para o seu traslado".
O ferido é A.R.C., de 49 anos que se trasladou ao Hospital Povisa de Vigo, acompañado dun médico do Punto de Atención Continuada (PAC) de Bueu. Presentaba queimaduras nunha man, segundo precisa o 112.
Segundo indicou o sarxento do parque do Morrazo, Juan Jesús Mariño, este home, o vixiante, era o único que se encontraba no momento da explosión dentro das instalacións.
Ao chegar ao punto os bombeiros, a súa primeira actuación consistiu en refrixerar en tanque de almacenamento porque se observaba que o dardo de chama incidía no tanque, quentando o gas acumulado. Constataron tamén que as válvulas de seguridade do tanque funcionaban e estaba a evacuar gran cantidade de gas ao exterior.
Ante a gran demanda de auga necesaria para a refrixeración do tanque de solicitaron apoios de vehículos nodrizas dos parques de Ribadumia e Porriño ambos os dous do Consorcio Provincial, ademais de medios de Protección Civil do concello de Cangas.
Unha vez presentados os responsables técnicos da planta comunicaron aos bombeiros o procedemento necesario para acoutar a fuga consistente no peche de varias válvulas, para iso procedeuse con 2 tendidos de auga a presión ata se achegar a 2 metros da fuga para sufocar o lume e proceder ao corte do gas.
Sobre a unha e media da mañá quedo a incidencia solucionada pero foi necesario seguir refrixerando o tanque.