Ethel Vázquez: "Marín foi o concello que mellor soubo xestionar a situación dos núcleos do litoral"
Por Natalia Puga
O recoñecemento por parte do Ministerio de Medio Ambiente dos núcleos tradicionais do litoral de Marín é,para a súa alcaldesa, María Ramallo, "el mejor regalo de Navidad que desde el punto de vista urbanístico nos podían dar". Recorda a rexedora que é unha situación pola que dende a Administración local "se lleva luchando 11 años" e tamén que é o primeiro municipio de España que o consegue.
Esta mensaxe positiva contaxia a todos os colectivos implicados no proceso de legalización dos núcleos, que este martes celebraron unha nova reunión da Comisión de Seguimento do Litoral de Marín para avaliar, nesta ocasión, o recoñecemento dado a coñecer nos últimos días.
Na comisión estivo presente a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, que eloxiou que "Marín foi o concello que mellor soubo xestionar esta situación" e calificou o recoñecemento dos núcleos de Aguete, Casás, Loira, Teoira e Mogor como "unha boa nova para Galicia".
En relación coa situación na que quedan agora as vivendas situadas dentro deses núcleos recoñecidos polo Ministerio, María Ramallo lembrou que para a legalización das casas é necesario que se presente un proxecto neste senso, que seguirá a tramitación urbanística habitual de todas as construcións e derivará na concesión dunha licencia. "A padrenuestros no se soluciona, la licencia es lo único que sana el expediente", sinalou.
María Ramallo lembra que para a legalización das casas é necesario que se presente un proxecto
A conselleira atribúe este "fito histórico" ao "traballo ben feito" e a acción conxunta e coordinada das administracións e sinalou que Marín é un exemplo de que dotarse dun Plan Xeral de Ordenación Municipal é o mellor camiño que poden seguir os concellos galegos para acadar o recoñecemento dos núcleos tradicionais do seu litoral.
Ao respecto, recordou que o recoñecemento dos núcleos chega despois de que o Concello os delimitase no PXOM e que con este paso pasen a ser considerados como solo de núcleo rural en igualdade de condicións que o solo urbano, tal e como acredita o informe da Dirección Xeral de Costas.
Ethel Vázquez considera fundamental neste proceso o papel que desenvolveron todas as forzas políticas, que trabajaron en prol do beneficio xeral, e tamén o xogado pola Comisión de Seguimento do Litoral, na que prevaleceu a lealdade institucional e que agora "permite a centos de familias da costa dispor da seguridade xurídica necesaria para as súas vivendas".
A conselleira destacou a sensibilidade do Goberno central que, "25 anos despois de aprobarse a lei de costas soubo comprender a singularidade da costa galega e abriu unha porta para dar garantías de futuro á situación urbanística dos domicilios de moitas familias e do medio de vida de moitas persoas".
Relacionadas:
-
Paso definitivo para consolidar os núcleos do litoral de Marín
Por Redacción |
-
Os veciños dos núcleos do litoral de Marín están a recibir notificacións de apercibemento de derrubo
Por Oskar Viéitez |
-
Os socialistas cualifican como "grave tomadura de pelo" a situación legal dos núcleos do litoral
Por Oskar Viéitez |
-
Oito núcleos de Sanxenxo reclaman a Medio Ambiente reducir a protección de Costas
Por Redacción |
-
Respaldo de Costas á consolidación dos núcleos do litoral de Marín
Por Redacción |
-
Piden unha reunión de urxencia da comisión de seguimento dos núcleos do litoral de Marín
Por Redacción |