O Supremo impide a Laureano Oubiña a acumulación de catro condenas para reducir a súa estancia na cadea
Por Natalia Puga
O Tribunal Supremo frustrou as intencións do narcotraficante Laureano Oubiña de reducir a súa estanza en prisión. A Audiencia Nacional denegáralle a posibilidade de acumular a última pena á que foi condenado -catro anos, sete meses e 15 días de cárcere- coas tres anteriores por delitos relacionados co tráfico de drogas, el recorreu, pero agora é o Alto Tribunal quen rexeita a opción.
Oubiña foi condenado en 2012 por branqueo de capitais e, despois dun ano en liberdade, en 2013 regresou a prisión. El insistía na petición de que esta condena se acumulase ás tres previas porque, desta forma, non debería cumprir os catro anos e sete meses. En caso de acumularse as catro condenas, tan só necesitaría cumprir dous anos e dous meses, isto é, dous anos e cinco meses menos do estipulado na sentenza máis recente, para sumar os 20 anos máximos de estanza en prisión por un mesmo delito,
A Sala Segunda do Tribunal Supremo rexeita o seu recurso contra a sentenza de marzo deste ano da Audiencia Nacional ao entender que o branqueo polo que foi condenado en 2012 é un delito que cometeu despois de outubro de 1999, data na que foi condenado nunha das sentenzas que pretendía acumular. Esta falta de coincidencia de datas nas que se cometeron os distintos delitos "impide, acorde coa xurisprudencia desta Sala antes exposta,", que poida acordar a acumulación solicitada.
"Non se produciu vulneración ningunha do dereito á liberdade persoal, á tutela xudicial efectiva nin ao principio de legalidade penal"
O avogado de Oubiña alegaba vulneración de preceptos constitucionais tales como os dereitos fundamentais á liberdade persoal, á tutela xudicial efectiva e do dereito ao principio de legalidade penal, así como "infracción de Lei". O Supremo conclúe que "non se produciu vulneración ningunha do dereito á liberdade persoal, á tutela xudicial efectiva nin ao principio de legalidade penal".
A condena por branqueo impúxolla o 11 de setembro de 2012 a Sección Cuarta da Sala do Penal da Audiencia Nacional e está referida a uns feitos que se prolongaron dende o ano 1998 ata o ano 2001.
A primeira das outras tres condenas que pretendía acumularse establece nunha sentenza de outubro de 1999 na que foi condenado a catro anos e catro meses de prisión por uns feitos acaecidos en xuño de 1997. En xuño de 1999 impúxoselle unha pena de seis anos e nove meses de prisión, referida a uns feitos de xullo 1997. En xaneiro de 2006 tivo a terceira condena: seis anos e nove meses por uns feitos acaecidos en outubro de 1999.
Relacionadas:
-
Laureano Oubiña: "Si muere mi hijo por culpa de la heroína, machaco al que se la vendió"
Por Oskar Viéitez |
-
Laureano Oubiña sae de prisión tras recibir o terceiro grao penitenciario
Por Redacción |
-
Saen a poxa o chalé de Laureano Oubiña e o seu terreo a pé de praia en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
Laureano Oubiña ingresa no cárcere de Alcalá Meco
Por Redacción | Creada e actualizada