Os Bombeiros investigan a orixe dun incendio subterráneo en Loureiro Crespo
Por Mónica Patxot
Os Bombeiros de Pontevedra acudiron este luns ao edificio número 83 da rúa Loureiro Crespo tras ser alertados por un incendio no ático deste inmoble. Sucedeu ás 16.44 horas, segundo informa o 112 Galicia. Ao chegar ao lugar os efectivos do parque pontevedrés encontráronse cun escenario distinto xa que a orixe de fumareda nos áticos do edificio, estaba baixo terra.
Os bombeiros procederon ao desaloxo das vivendas afectadas como medida preventiva e a Policía Local cortou a rúa para poder abrir as arquetas en busca do fallo eléctrico que deixou sen enerxía de forma momentánea a boa parte de Loureiro Crespo e as rúas adxacentes.
Como hipótese de traballo os electricistas sopesaban que o foco do incendio se encontraba nunha avaría do sistema eléctrico ao entrar en contacto coa auga. Isto produciu unha explosión e a fumareda seguinte que subiu polas conducións do edificio a xeito de cheminea ata chegar ao ático. Os bombeiros tamén contemplan que a orixe do suceso estea nunha vertedura dalgún produto corrosivo, ao detectarse un forte olor a amoníaco.