"Busca los 20 euros y no grites, que es peor"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Non se levou nada e nin ela nin a súa tenda sufriron ningún dano, pero un home de mediana idade mantivo atemorizado a Teresa durante un anaco na súa carnizaría da rúa San Antoniño de Pontevedra. Entrou, pediulle diñeiro e ameazouna, pero finalmente foise sen nada porque ela o escorrentou berrando o nome dos seus fillos. Aconteceu fai xa dez días, pero este luns volveuno rememorar todo a raíz da última noticia que circula pola zona: o sábado roubaron na papelaría 'Cositas'.
Na charcutaría-carnizaría de Teresa en San Antoniño xa roubaron en anteriores ocasións, pero non por iso deixa de pasalo mal. Ademais, dende a última pasara moito tempo. Esta vez pouco podía sospeitar o desenlace cando viu entrar un home con lentes de sol na súa tenda pedíndolle diñeiro para o seu fillo enfermo de cancro. Como en anteriores ocasións, dispoñíase a darlle un euro, pero non lle resultou suficiente.
"No me andes con bromas, dame por lo menos 20 euros", díxolle. Eran as seis da tarde e ela había pouco que abrira a tenda ese día, así que lle explicou que non tiña eses 20 euros, que aínda non vendera nada, pero así que el a escusa non resultou satisfactoria para o individuo e insistiulle: "Busca los 20 euros y no grites que es peor".
Esta última frase díxolla metendo a man no peto, como facendo ademán de sacar algo, de modo que o medo invadiu esta tendeira con décadas de experiencia de cara ao público. Deulle cinco euros e nese momento empezou a berrar o nome dun dos seus fillos. Por medo, o home foise da tenda correndo.
Investigan un roubo nunha papelaría de San Antoniño na que romperon o cristal do escaparate
Agora que rememora o sucedido, Teresa dáse conta de que o home non era violento, pois "ni intentó echar la mano a la caja", pero naquel momento o perigo era inminente e esa sensación perdúralle. Non chamou á Policía porque o roubo non chegou a producirse e "no sabía muy bien qué contarles", pero agora reformúlase que tiña que telo feito. Volveu pensalo a raíz do roubo do negocio situado dous edificios máis adiante na súa mesma tenda.
Na papelaría 'Cositas' os feitos foron moi diferentes. O roubo si se materializou e non houbo ameazas. Todo aconteceu o sábado 29 de novembro sobre as 23.15 horas, cando uns veciños sentiron un golpe e ruído, se asomaron e viron que alguén saía do establecemento.
As testemuñas chamaron a Policía Nacional e a patrulla que acudiu ao lugar comprobou que alguén rompera o escaparate. Nese momento, puxéronse en contacto coa propietaria, que, ao chegar, comprobou que as persoas responsables do incidente se levaran cinco billeteiras e dous paquetes de bolígrafos que estaban no escaparate.
"Yo no sé cómo fue", recoñece a dona, pero os veciños contáronlle que "vieron por aquí a un grupo de chavales". Fontes da Policía Nacional indicaron que se abriu unha investigación para aclarar o sucedido.