Aprobado o Plan provincial de obras con 12 millóns de euros en inversións para os concellos
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra destinará 12 millóns de euros a investimentos nos concellos da provincia, no marco do Plan Provincial de Obras e Servizos de 2015. Así se acordou este venres no Pleno da Corporación Provincial, onde se aprobaron as bases do antedito plan cos votos a favor de PP e PSOE e a abstención do BNG.
O plan prevé que ao longo do vindeiro ano os concellos poidan acollerse a este plan da Administración provincial tanto para financiar obras e servizos prioritarios no municipio como para garantir o seu funcionamento normal e eficaz. Así, os concellos que o precisen poderán destinar parte da achega concedida, ata un máximo do 30%, a amortizar débeda con entidades financeiras ou co Estado, ao pagamento a acredores e a financiar gasto corrente.
As bases do programa recollen que serán os propios concellos os que asuman a licitación e contratación das obras subvencionadas, co obxectivo de axilizar a execución dos traballos. Só nos casos nos que o concello non poida asumir esa responsabilidade por carecer de medios ou de capacidade técnica, poderá solicitar que sexa a Deputación a que realice estes trámites.
Os concellos disporán de 30 días desde a publicación das bases do programa no Boletín Oficial da Provincia para presentar as solicitudes de axuda (cos correspondentes proxectos e documentación necesaria).
O reparto dos fondos entre os distintos concellos farase nunha parte de forma liñal (correspondéndolle a cada concello 81.355,93 euros) e outra parte en función da poboación e o territorio.