Conclúe o pavimentado da estrada de Pazos
Por Redacción
O alcalde Perfecto Rodríguez supervisou a finalización das obras de mellora da Estrada Provincial CP-0202 Ponte Caldelas-Pazos, que dá acceso a este núcleo de poboación, e que a Deputación de Pontevedra adxudicou á empresa Construcións e Escavacións Pérez Portela, S.L., cun presuposto de 134.000 euros.
O Concello de Ponte Caldelas, está a valorar a posibilidade de asumir a titularidade desta estrada, unha vez finalícense por completo as obras, xa que se trata dun vial que, polas súas características, se podería cualificar como interior xa que os seus 800 metros lineais de lonxitude discorren polo núcleo de Pazos, con moitas vivendas a ambas as dúas marxes da calzada, que impide no futuro o seu ensanche.
As obras que están a ser rematadas pola empresa consistiron na realización dunha nova pavimentación do vial sobre unha lonxitude aproximada duns 800 metros lineais, así como a renovación das canalizacións da rede de recollida de pluviais e do saneamento existente na zona. Os traballos consideraron a separación das augas pluviais e fecais que, ata agora ían xuntas en varios puntos da rede de sumidoiros.
Así mesmo, o alcalde, en atención á solicitude realizada polos veciños, ampliou a rede de sumidoiros e tragantes de augas pluviais co fin de evitar que cando se produzan chuvias torrenciais este vial se converta nun discorrer natural para a gran cantidade de auga proveniente do alto do monte.