Vepersa, 25 anos dando servizo aos pontevedreses
Por Redacción
Dende 1988 dando servizo aos pontevedreses, motivo máis que suficiente para celebrar con eles as súas vodas de prata.
Vepersa, concesionario oficial Audi, Volkswagen e Volkswagen Comerciais en Pontevedra, celebrou os seus 25 anos de vida cunha xornada de homenaxe aos seus clientes.
Os seus 67 empregados compartiron unha traxectoria á que se chega "cunha capacidade de traballo enorme, crendo no que facemos e intentado sorprender o cliente, atendéndoo cada vez mellor e chegando a cada un deles dunha forma distinta".
Son palabras do xerente de Vepersa, Iñigo Bellido, que revela a filosofía que lles permitiu mirar o futuro con optimismo: "cada cliente é especial e iso intentamos transmitir. As marcas buscan que estean sumamente satisfeitos e iso fainos mellorar".
Por ese motivo Vepersa premiou tres persoas: o seu primeiro comprador; o seu cliente máis fiel "que segue vindo ao taller co mesmo coche dende hai 25 anos"; e ao cliente que máis quilómetros realizou "en cinco vehículos con 400.000 quilómetros cada un".
Son unha pequena representación da familia que formou o concesionario e coa que "queremos celebralo, darlles as grazas, a todos os que nos compraron estes anos e que seguen vindo ao taller, ademais de agradecérllelo tamén ás persoas que traballan aquí,".
Bellido recoñece que "temos a sorte de representar a unhas marcas moi boas e moi fortes como Volkswagen e Audi, que nos últimos anos axudaron moito aos concesionarios que consideran profesionais, e tamén de pertencer a un grupo como Pérez Rumbao, o primeiro grupo de automoción de Galicia".
Para manterse preto dos pontevedreses Vepersa apostou na actualidade por renovarse, con presenza nas novas tecnoloxías e as redes sociais, porque "aínda que sabemos que vender por internet é difícil, queremos achegarnos ao cliente", recoñece o seu xerente.
O acto de 25 aniversario serviu ademais para presentar, cuns días de antelación ao seu lanzamento oficial, o novo Volkswagen Passat, ademais da nova versión do Audi TT, recén saída ao mercado.
Os asistentes tamén puideron recrearse cunha pequena mostra de vehículos antigos das dúas marcas automobilísticas.