Sanxenxo acollerá unha xornada de aceleración comercial de estacións náuticas
Por Redacción
A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, participará este xoves na xornada de aceleración comercial que a Asociación Nacional Estacións Náuticas (AEEN) celebrará no municipio.
Será o xerente de AEEN, Rafael Moreno, o encargado de impartir esta charla que se desenvolverá no Auditorio do Pazo Emilia Pardo Bazán dende as 16.00 ás 19.00 horas sobre a importancia de aliñar estratexias e actuacións, e promover a colaboración a todos os niveis no desenvolvemento do produto, promoción e notoriedade da marca.
Empresarios do sector náutico e hoteleiros están convocados a participar nesta acción na que se dará a coñecer a estratexia comercializadora da AEEN e os beneficios que iso supón para os asociados. Á súa vez, o representante desta organización en España expoñerá o potencial dos produtos analizados para a captación de clientes e a promoción dos deportes de mar.
A realización desta xornada ten como obxectivo sensibilizar sobre as vantaxes que representa a Estación Náutica e a importancia de xuntar estratexias e actuacións, así como promover a colaboración procurando o desenvolvemento de produto, promoción e de marca.
Tamén se sumarán a esta iniciativa, responsables de firmas do Grove e Cambados, municipios que, xunto a Sanxenxo, conforman as Estación Náutica Rías Baixas.