Tres investigacións do campus, primeiras galardoadas cos Premios Ernestina Otero
Por Redacción
Tres investigadoras do campus de Pontevedra son as gañadoras dos Premios Ernestina Otero, galardóns creados para poñer de manifesto, aplicando a perspectiva de xénero a proxectos de investigación, as situacións de desigualdade que continúan a padecer as mulleres. A Casa das Campás acolleu este mércores o acto de entrega da primeira edición destes premios, dotados economicamente con 1.000 euros.
Dirixidos ao alumnado do campus, os Premios Ernestina Otero buscan fomentar a sensibilidade da xente moza respecto da importancia de traballar a prol da igualdade.
Sandra Benavides, egresada da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, foi premiada polo seu traballo de fin de grao O fomento da igualdade entre os sexos na escola infantil a través dos contos. Recoñece que recibiu con "sorpresa e con moita alegría" a nova de que o xurado seleccionara o seu proxecto e incide na necesidade de seguir promovendo un labor de sensibilización e "non pensar que xa está todo conseguido".
Para este traballo, deseñou unha serie de tarefas relacionadas con contos que posteriormente puido poñer en práctica nunha aula de Educación Infantil, o que lle permitiu "reflexionar co alumnado sobre estereotipos e propor novos modelos alternativos". Buscaba, explica, promover "unha iniciación á sensibilización do alumnado máis novo", posto que nesta etapa educativa, os nenos e nenas "xa reproducen estereotipos de xénero".
Pola súa banda, Tania Ríos, titulada en Educación Primaria foi premiada polo traballo A cegueira do xénero, no que analiza o longo e tortuoso camiño da igualdade entre homes e mulleres. Supuxo unha "gran satisfacción persoal" e unha "inxección de ánimo" para unha estudante que agarda que o seu proxecto poida servir como unha "chamada de atención respecto da situación que viven moitas mulleres discapacitadas en todo o mundo".
Neste proxecto, a moza premiada centrou a súa investigación nas "múltiples discriminacións ás que se teñen que enfrontar no seu día a día" as mulleres que padecen unha discapacidade, que teñen que facer fronte a unha "ruta marcada polas barreiras físicas e mentais". Asegura que pese aos avances acadados, aínda se seguen mantendo desigualdades e invisibilizacións "que deixan ás mulleres, e moito máis ás mulleres discapacitadas, nunha situación de discriminación, ocultación e exclusión".
No relativo aos traballos de fin de máster, o premio foi para o proxecto co que Sylvia Peceño completou os seus estudos no máster en Arte Contemporánea, Creación e Investigación, A arte da resistencia: Prácticas feministas de xénero. Unha crítica ao pensamento dominante. Natural de Guadalaxara, esta investigadora e artista ten convertido as problemáticas sociais no "eixo fundamental" do seu labor como creadora, "empregando a arte como linguaxe combativa".
Relacionadas:
-
Almudena Poza e Esther Gandía, gañadoras dos segundos premios Ernestina Otero
Por Redacción |
-
Ciencias Sociais, 20 anos non é nada
Por Redacción |
-
Dous traballos de grao e un de máster, gañadores dos premios Ernestina Otero
Por Redacción |
-
"Nestes tempos precisamos recuperar o exemplo de persoas íntegras coma Ernestina Otero"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |