Unha centola de 2,1 quilos e un centolo de 4,4 gañan a poxa a favor de Cáritas
Por Redacción
A praza de abastos do Grove acolleu este mércores a poxa pública das dúas mellores centolas chegadas á lonxa na tarde do martes. Este concurso coñecido como Centola viva, forma parte das xornadas de exaltación deste crustáceo que organiza o Concello.
En primeiro lugar puxouse pola 'centola femia'. A poxa partiu de 50 euros e alcanzou os 110 euros que ofreceu José Luis Padín Noya, propietario das Marisquerías Solaina. O exemplar pesa 2.100 gramos e foi capturada por José María Meis Vila, a bordo do barco "Edi". Na categoría de femias competían cinco exemplares.
A continuación foi a quenda do mellor macho, unha centola de 4.450 gramos capturada por Guillermo Martínez Rey, no barco "Pontes". A poxa arrancou a partir de 60 euros e chegou ata os 125 euros que pagou Lorena Moldes, propietaria do Restaurante Pan de Millo.
O diñeiro da venda destas centolas será doado polo Concello do Grove a Cáritas.
Entre outras actividades as XII Xornadas Gastronómicas de Exaltación da Centola do Grove inclúen un 'Taller de Cociña en Familia' que se celebrará o sábado 29 de novembro en Cociñas Lume ás 12:00 horas, aínda que os que queira participar están a tempo de inscribirse chamando ao teléfono 986 73 14 15 ou no correo electrónico oftur@concellodogrove.com.