Coca-Cola, 'panchitos' e ao cuartel
Por Natalia Puga
Dous mozos foron detidos na madrugada deste mércores pouco tempo despois de que supostamente cometesen un roubo nunha hamburguesería da praia de Lourido (Poio). A pesar de que non transcorreu moito tempo dende que alguén entrou no local ata que a Garda Civil os arrestou pola súa presunta vinculación cos feitos, foi suficiente para que gozasen de parte do seu botín: Coca-Cola e aperitivos.
O roubo que se lles atribúe produciuse sobre as 4.00 horas da madrugada. A alarma do quiosco 'Nandy's Burguer' saltou e o seu propietario trasladouse ao lugar. Ao comprobar que alguén rompera os cristais da ventá situada na zona da cociña, de modo que deu aviso á Garda Civil e estableceuse un dispositivo de busca para localizar os ladróns.
O operativo deu resultado pouco despois nos arredores. Os axentes localizaron dous mozos en posesión tanto de parte dos efectos que foran roubados na hamburgueseria como de dous martelos de pequeno tamaño que poderían ter utilizado para romper os cristais e acceder ao interior do local, similares aos que se utilizan habitualmente nos autobuses como ferramentas para casos de emerxencias.
Os rapaces leváranse 70 botes de Coca-Cola e varios paquetes de aperitivos e cando a Garda Civil os localizou, xa consumiran varias bolsas deses 'panchitos'. A preguntas dos axentes, recoñeceron que entraran na citada hamburguesería, de modo que foron detidos e se trasladou á Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.
A Garda Civil confirmou este mércores que aínda mantén aberta a investigación para aclarar o sucedido e averiguar se os dous detidos actuaron sós, pois o propietario da hamburguesería explicou que cando soou a alarma e chegou ao local viu como fuxían máis persoas.