O PP de Pontevedra indica que un informe suspende en transparencia ao goberno local
Por Redacción
O Partido Popular indica, a través dun comunicado, que o Concello de Pontevedra suspendeu o test de aplicación da Lei de Transparencia elaborado por 'Sielocal', un organismo que realizou este estudo en municipios de máis de 50.000 habitantes. Segundo os populares, o informe avala as denuncias que o grupo de Jacobo Moreira realizou nos últimos meses.
Pontevedra ocupa o posto 103 no ranking nacional integrado por un total de 144 municipios que someteron a este informe. A cidade obtivo unha puntuación de 2,10 sobre 5.
Dende as filas populares indícase que Jacobo Moreira solicitou informes por escrito sen chegar a recibir unha resposta. E pon como exemplos a solicitude dunha autorización do Concello a unha construtora para o reasfaltado da rúa Blanco Porto e os contratos de obras que esta empresa ten actualmente e que ten sen liquidar; a petición dun informe sobre o programa de 'Camiños Escolares' e tamén sinala a actitude do BNG co PSOE a quen non lle permitiu acceder ao expediente sobre a planta de compostaxe.