O TSXG conclúe que se vulnerou o principio de presunción de inocencia do axuízado polo crime das chinesas
Por Natalia Puga
Hai Jie Zhang, única persoa xulgada polo crime de dúas cidadás chinesas na rúa Amado Carballo de Pontevedra en abril de 2010, resultou finalmente absolvido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ao considerar o tribunal que foi condenado previamente pola Audiencia Provincial de Pontevedra vulnerando o principio de presunción de inocencia.
Un xurado popular considerouno autor dun delito de homicidio por dar morte a un das falecidas, Guang Qu, e, sobre a base do veredicto, a Sección Cuarta de la Audiencia impúxolle 14 anos de prisión. Pero a defensa do procesado recorreu ante o TSXG, que, tras revisar o caso, acordou a súa absolución ao prevalecer o principio de presunción de inocencia.
A absolución de Hai Jie Zhang xa lle fora comunicada hai unha semana, ao mesmo tempo que unha orde de posta en liberdade inmediata que non puido cumprirse ao ter este pendente unha orde de expulsión de España. Non obstante, o contido da sentenza absolutoria non se deu a coñecer ata este martes.
A sentenza de abril deste ano na que se lle condenaba concluía que entre as 9.30 e as 16.00 horas do 26 de abril de 2010, Hai Jie Zhang acudiu ao domicilio de Amado Carballo que habitaban as cidadás chinesas Guang Qu e Kun Zhun acompañado doutra persoa non axuízada nesta causa. Unha vez no interior, co propósito de rematar coa vida de Guang Qu, interveu na execución da súa morte por asfixia mecánica por sufocación que se produciu mediante taponamento de todos os seus orificios respiratorios.
O fallo conclúe que "non" hai proba directa" nin "dato ningún" de que interveu na execución da morte de Guang Qu
O TSXG non considera que eses feitos poidan darse por probados e unicamente considera acreditado que aquel día a aquela hora Guang Qu faleceu por asfixia mecánica por sufocación que se produciu mediante taponamento de todos os seus orificios respiratorios, pero sen poder acreditarse quen a matou. A sentenza previa xa non puidera concluír a autoría da morte da outra vítima.
A nova sentenza recolle as teses que sostiña a defensa do acusado para pedir a súa absolución e recorrer a condena. Conclúe que aínda que o propio Hai Jie Zhang recoñeceu que estivo no piso de Amado Carballo o 26 de abril de 2009 e as probas periciais lle corroboran, iso "non supón necesariamente que tería causado a morte da cidadá chinesa Guang Qu".
Conclúe o fallo do TSXG que "non hai proba directa" nin "dato ningún" de que interveu na execución da morte de Guang Qu por asfixia mecánica e que só hai indicios, que son a súa presenza na casa na que apareceron os cadáveres, que estivo na casa acompañado doutra persoa e a morte de Guang Qu tivo lugar pola intervención de dúas persoas. "Estes elementos aparecen insuficientes para sustentar a condena do recorrente", conclúe. E engade que "se trata de indicios que por si mesmos non mostran de modo inequívoco a participación do acusado nos feitos".