BNG e PSOE fan fronte común en defensa do etiquetado do mexillón
Por Redacción
Os grupos municipais do PSdeG-PSOE e do BNG rexistraron este mércores en Cambados unha moción conxunta proposta polo sector mexilloeiro para o etiquetado correcto dos produtos transformados e conservas do mexillón.
Con ocasión da recente revisión da Política Común de Pesca, o Regulamento da Organización Común de Mercados da Pesca e da Acuicultura establece que a partir do 13 de decembro do 2014 se aplicará en toda a Unión Europea unha nova normativa de etiquetado dos produtos da pesca e da acuicultura, que deixa fora destas obrigas aos produtos da pesca e da acuicultura transformados e en conserva, entre eles o mexillón.
Esta nova situación legal permite ocultar a orixe do mexillón procedente de terceiros países transformado ou en conserva, polo que prexudica ao consumidor nos seus dereitos e intereses, favorece ás empresas que comercializan mexillón foráneo ocultando información en claro prexuízo das empresas que procesan mexillón cultivado en Galicia, o que repercute directa e negativamente no emprego e no sector primario, e consecuentemente na economía costeira e ás familias.
Ambos grupos municipais propoñen que o Pleno acorde defender a obriga de indicar a especie e o país de orixe na etiquetaxe do mexillón transformado e en conserva, instando á Xunta de Galicia a que de traslado desta demanda á Comisión Europea para que presente antes do 13 de decembro do 2014 ao Consello e ao Parlamento Europeo, un informe e unha proposta de modificación normativa, sobre a indicación obrigatoria do país de orixe ou do lugar de procedencia dos ingredientes que representan mais do 50% dun alimento, cal é o caso do mexillón transformado ou en conserva.
O mexillón configura un sector estratéxico na economía local de Galicia, tamén en Cambados.
A Xunta de Galicia afirma que o sector do mexillón xera en Galicia mais de 30.000 postos de traballo, incluídos os que se induce en diversas actividades: empresas destinatarias do mexillón (procesadores, cocedoiros, conserveiras, depuradoras de moluscos, centros de conxelación e pasteurización...), así como nas empresas provedoras da industria (estaleiros, cordeeiras, carpintería, montaxes e maquinaria...) e nas actividades auxiliares e de apoio, como transportes, centros de investigación, formación e control do medio mariño, etcétera.
A importancia económica da industria do mexillón, únese o valor social que adquire nos municipios costeiros, xa que ten a capacidade de irradiar beneficios socioeconómicos a amplas capas da poboación, converténdose nun mecanismo de distribución e reparto de riqueza no entorno local que incentiva a implantación de actividades e pequenos negocios.