PontedeTapas bota a andar este venres en 45 locais de hostalería
Por Redacción
A sétima edición do concurso gastronómico PontedeTapas regresa este venres 28 cunha participación de 45 locais, entre os que hai novas incorporacións respecto a anos anteriores.
Os locais poderán participar en tres categorías diferentes: tapa tradicional, tapa creativa e cóctel. A categoría de tapa creativa é a que suscita o maior interese, cun total de 30 participantes; hai 16 locais que presentan tapas tradicionais e 12 que ofrecen cócteles distintos. As bases permiten que os establecementos poidan concursar en varias categorías e, desta forma, algúns participantes ofrecen, por primeira vez, o seu combinado e mesmo intervir nas tres posibilidades.
A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, destacou que o concurso de tapas é un evento que dinamiza a economía local durante a primeira semana de decembro. 50.000 persoas participan habitualmente neste concurso, o único deste tipo que se celebra nas grandes cidades galegas. A organización espera que se obteña un retorno que supere os 100.000 euros.
Un xurado profesional, encabezado por un cociñeiro con Estrela Michelín, será o encargado de decidir cales son os gañadores cunha gran gala final, que se celebrará o luns 15 de decembro. O público tamén seleccionará o seu gañador e entre os votantes sortearase un premio consistente nunha viaxe dun fin de semana para dúas persoas a unha capital europea e varios vales de compra no comercio local e na Praza de Abastos.
Os prezos serán de 1,50 euros para as tapas e 2,50 euros para os cócteles.