Todos os traballadores de Enmacosa acolleranse ao ERE
Por Redacción
A asemblea de traballadores de Enmacosa aceptou acollerse ao ERE proposto polo administrador concursal, Alberto García Pombo, que establece o peche, antes do 15 de decembro, das delegacións que a empresa de Sanxenxo ten en Madrid e na Coruña coa baixa de 60 empregados dos 101 que actualmente configuran o plantel. Desta cifra que conforma o 60% do persoal, 20 xa solicitaran a baixa voluntaria mentres que outros 10 tamén reclamasen a súa marcha a través dos tribunais.
Segundo manifesta o secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal, con esta medida búscase a viabilidade da empresa que permita pagar a liquidación e as indemnizacións destes traballadores. O reto que se formula a empresa establece como novo prazo o mes de febreiro. Para entón, o administrador concursal comprobará se a entidade é capaz de reactivarse ou se, pola contra, resulta necesario que o ERE se estenda aos 41 traballadores que quedarán na sede de Sanxenxo de Enmacosa.
Con estas medidas, segundo fontes sindicais, preténdese garantir os mesmos dereitos a todos os empregados da consultoría técnica.