Ponte Caldelas fará novas obras na avenida de Vigo para evitar as inundacións
Por Redacción
Rematar coas inundacións que se producen na Avenida de Vigo, á altura do parque infantil, cando se rexistran chuvias torrenciais. ÿ o obxectivo das obras que impulsa o Concello de Ponte Caldelas na zona.
Entre os traballos que se están a acometer están o reforzo con outra canalización de pluviais na rúa Rosalía de Castro para que recolla mellor a enorme cantidade de auga que procede das confluencias entre a Avenida de Pontevedra, rúa Brasil e Concepción Arenal coa que baixa da zona do instituto e o colexio Cordo Boullosa.
Tamén se procederá a rebaixar o paso de peóns, que se elevara para mellorar a seguridade vial na rúa, porque tanto os veciños coma os operarios municipais detectaron que en momentos de máxima precipitación metereolóxica se producía un embolsamento de auga, pola presenza do "lombo", que facilitaba a inundación duns baixos próximos.
Posteriormente a estes traballos, tomaranse medidas disuasorias para que os moitos vehículos que utilizan esta rúa non superen a velocidade permitida poñendo en serio risco aos viandantes e, en especial, aos nenos que utilizan o parque infantil que se encontra nas inmediacións.
Con esta actuación, o Concello de Ponte Caldelas pretende solucionar un problema que se produce de xeito puntual cando chove de xeito torrencial e a enorme cantidade de auga que se acumula no sistema de evacuación de augas pluviais non dá abasto.