Interceptan na Avenida de Marín un vehículo con oito garrafas de gasóleo roubado
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional detiveron dous homes de 44 e 47 anos de idade respectivamente, veciños de Pontevedra e A Coruña, con antecedentes policiais, como presuntos autores dun roubo con forza de gasóleo en camións estacionados.
Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría Provincial de Pontevedra, os feitos sucederon este domingo día 23 de novembro ás 23.40 horas cando se recibiu unha chamada alertando da presenza de dous individuos que ao parecer estarían a subtraer combustible do depósito dos camións aparcados na zona.
Ao ser sorprendidos estes homes abandonaron o lugar a toda velocidade tras introducir nun vehículo varias garrafas co combustible.
Inmediatamente iniciouse un dispositivo de busca que culminou cando os axentes localizaron o citado vehículo circulando pola Avenida de Marín onde lle deron o alto.
Os axentes identificaron os ocupantes do coche e ao efectuar a inspección ocular do vehículo detectaron no interior un forte olor a gasóleo, descubrindo no maleteiro oito garrafas de 25 litros ademais dunha mangueira, luvas e outros útiles empregados presumiblemente na súa actividade ilícita.
Un dos ocupantes declarou espontaneamente aos axentes ter subtraído o combustible do interior dun camión e ter intentado forzar outro sen logralo.
Unha vez identificados, os axentes procederon á súa detención por un delito de roubo con forza e ao seu traslado a dependencias policiais para ser oídas en declaración por estes feitos.