Un ano e oito meses de cadea por agredir cunha navalla un mozo no Ano Novo de 2012
Por Natalia Puga
O veciño de Pontevedra F.J.M.C., deberá cumprir unha pena dun ano e oito meses de prisión por agredir cunha navalla a un mozo no transcurso dunha discusión no exterior dun 'after' da avenida Bos Aires da cidade.
O rapaz sentou no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra procesado por un delito de lesións con instrumento perigoso e alcanzou un acordo de conformidade coa fiscal do caso de tal forma que viu reducida substancialmente a pena que se lle impoñerán.
A fiscal pedía inicialmente para el unha pena de tres anos e dez meses de prisión e o pagamento dunha indemnización á súa vítima de 210 euros polas lesións e 500 euros polas secuelas que lle deixou na cara, unha cicatriz de tres centímetros. Tras alcanzar a conformidade co fiscal, deberá cumprir un ano e oito meses de prisión e pagar unha multa de 2.000 euros.
O procesado recoñeceu ser o autor dos feitos que lle atribúe o fiscal, que se rexistraron no día de Ano Novo de 2012. O agresor e a súa presunta vítima empezaron unha discusión no interior do 'after', saíron ao exterior e o procesado agrediu o seu opoñente e provocoulle un corte no pómulo esquerdo.
Segundo o fiscal, fíxoo "movido pola intención de causarlle un menoscabo na súa integridade física" e argumenta que xa conta con antecedentes e no ano 2011 foi condenado por un delito de lesións no ámbito familiar.